Xiana Cid: "O virus foi a escusa perfecta para evitar a búsqueda activa de fontes ou imaxes"
Xiana Cid traballa como redactora no xornal La Región en Ourense, onde foi asumindo a información relacionada coa pandemia xunto con Lara Blanco e integrando o "equipo covid" do periódico.
–Que papel asume o xornalista durante a pandemia? Estamos a cumprilo?
O noso papel non mudou no nivel máis básico, informar da realidade dende o maior abano posible de puntos de vista. Pero a pandemia puxo de manifesto a nosa importancia: interpretar os datos, achegar o coñecemento sanitario e científico que se vai tendo do virus, explicar o impacto nas moitas esferas da vida cotiá, nos sectores económicos… Fálase de infoxicación dende a irrupción da covid, é certo, pero nós deberiamos ser a voz autorizada nesa mistura de novas e fake news, e non sempre se conseguiu (perdimos a parte dos lectores que prefiren informarse a través de Facebook ou do WhatsApp). Por outra banda, o discurso oficial marca demasiado (creo eu) a axenda dos medios dende o inicio da pandemia, algo que colisiona directamente coa idea de ofrecer unha ampla variedade de puntos de vista.
–Onde crees que fraqueou o tratamento informativo nos medios galegos durante a pandemia?
Gran parte das nosas informacións partiron das mesmas fontes oficiais, o que empobreceu notablemente o discurso. Os titulares, as fotos, as fontes… todas foron as mesmas. Esta situación, que entendo que non lle gusta a ningún xornalista, mantívose dende o inicio da pandemia, e aínda permanece en moitos casos. O virus é a escusa perfecta para non deixar que entremos aos lugares e busquemos nós activamente as fontes ou as imaxes, e quizais non nos temos queixado o suficiente.