Xornalismo con orgullo

Bandeira do movemento LGTBIQ+ (Foto: Ludovic Bertron (CC BY 2.0))

Con motivo da celebración, este sábado 28 de xullo, do Día do Orgullo LGTBQI+, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recupera algunhas das actuacións realizadas para mellorar o tratamento informativo deste colectivo e repasa as publicacións máis relevantes para cubrir dunha maneira axeitada e responsábel a diversidade sexual. 

Cada 28 de xullo celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo, no que se reivindica a diversidade de xénero e de identidades sexuais e se reclaman os dereitos da comunidade LGTBQI+ (Lesbianas, Gays, Bisexuais, Trans, Queers, Intersexuais e outras disidencias). A data está escollida para rememorar a Rebelión de Stonewall de 1969, unha serie de protestas a raíz da redada nun pub neoiorquino que se considera o punto de partida da reivindicación moderna do movemento a nivel mundial. 

Como no caso doutros colectivos vulnerábeis, o xornalismo ten que prestar unha especial atención para tratar os temas relacionados coa comunidade LGTBQI+, para evitar calquera tipo de discriminacións ou a difusión de estereotipos, mantendo un tratamento responsábel do colectivo. A nosa contorna ten vivido nos últimos anos un aumento da atención informativa sobre a diversidade sexual, pero as coberturas non sempre están libres de prexuízos e de eivas e, ao tempo, unha maior visibilidade dos modelos que van alén da norma cisheterosexual implica tamén novos retos e desafios que as e os xornalistas teñen que afrontar. 

Na súa preocupación por unha cobertura axeitada e responsábel de temas sensíbeis, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten abordado tamén a realidade da comunidade LGTBQI. Así, a Guía de linguaxe inclusiva, redactada polo alumnado da USC en colaboración co Colexio, inclúe un apartado sobre Comunidade LGTBQI que recolle recomendacións para mellorar o tratamento da diversidade sexual nos medios, así como un glosario de terminoloxía axeitada e expresións a evitar. Ademais, Ángela Casal Fernández, en representación do Colexio, participou na palestra virtual sobre o tratamento do colectivo LGTBQI+ nos medios organizada pola Deputación da Coruña dentro da campaña  'Liberdade de Ser e Sentir!' e Ana González Liste do encontro sobre a realidade da mocidade trans galega e a súa representación mediática convocado por Agareso no cadro da edición de Xeración Contrainfo dedicada á loita contra o discurso LGBTfóbico.

Ademais destes materiais, existen outros documentos que poden ser de utilidade para as e os xornalistas á hora de aprofundar no correcto tratamento dos temas relacionados coa comunidade LGTBQI+. Entre outras, podemos destacar o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia. Foro Identidades e Diversidades Sexuais do Consello da Cultura Galega, a Guía de buenas prácticas para el tratamiento de la diversidad sexual y de género en los medios de comunicación editada pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuales y Bisexuales e a Agrupación de Periodistas de CCOO, as Recomendaciones sobre el tratamiento de las personas lesbianas, gays, bisexuales, transgéneros e intersexuales (LGBTI) en los medios audiovisuales publicadas polo Consell de l'Audiovisual de Catalunya, as Recomendaciones para el tratamiento informativo del colectivo trans do Consejo Audiovisual de Andalucía, as 8 idees per a un periodisme inclusiu amb les realitats LGBTI+ de Media.cat, a Guía Para los Medios da norteamericana Alianza Gay e Lésbica Contra a Difamación ou o Manual de Comunicação LGBTI+ da Rede Gay Latino e a Aliança Nacional LGBTI brasileira.

CPXG