Xornalismo na Escola "la Caixa" programa obradoiros esta semana en Ribeira, A Coruña, Miño e Teo

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" realizado o pasado 13 de febreiro no IES Ramón Menéndez Pidal

Esta semana, a actividade de 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, céntrase na provincia coruñesa con obradoiros en centros de ensino de Ribeira (luns 2 de marzo), A Coruña (luns 2), Miño (martes 3 e xoves 5) e Teo (xoves 5).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita a semana que vén o IES Nº 1 de Ribeira, o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o CPI Castro Baxoi de Miño e o IES de Cacheiras en Teo: 
 

  • Luns 2 no IES Nº 1 de Ribeira, tres obradoiros con comezo ás 9.50, ás 12.00 e ás 16.00 horas. Imparte os obradoiros Olaia Tubío Rei.
  • Luns 2 no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, un obradoiro con comezo ás 10:30 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
  • Martes 3 no CPI Castro Baxoi de Miño, un obradoiro con comezo ás 11:20 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
  • Xoves 5 no IES de Cacheiras en Teo, un obradoiro con comezo ás 8:45 horas. Imparte o obradoiro Ángel Castro Silva.
  • Xoves 5 no CPI Castro Baxoi de Miño, un obradoiro con comezo ás 10:30 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.

 
Os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Castro Silva, ademais de ser licenciado en Xornalismo, ten o dobre mestrado en Profesorado e Comunicación Transmedia e traballou nas redaccións da Radio Galega, Luzes, a Axencia Efe ou Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña. Na Axencia Efe tamén traballou Filgueira Rodríguez, cun currículo que abrangue ademais distintos labores en La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Manuel Guisande, cunha longa traxectoria como xornalista, traballou 25 anos en La Voz de Galicia e ten publicado once libros e realizado exposicións en diferentes países. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. Rodiño Pérez ten o mestrado en Formación do Profesorado ademais da licenciatura de Xornalismo, e traballou no Faro de Vigo e no El País. Por último, Tubío Rei. graduada en Xornalismo, estuda o mestrado en Xestión Cultural e traballou na Televisión de Galicia e no El Progreso. 
 
Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG