Xornalismo na Escola 'la Caixa' regresa tras a semana santa con obradoiros en Monforte, Vilaboa, Porto do Son, O Grove e Lugo

Obradoiro de 'Xornalismo na Escola' o pasado 19 de marzo no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

A iniciativa 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar os medios de comunicación aos máis novos, terá unha nova semana de intensa actividade con obradoiros en Porto do Son (mércores 4), Vilaboa (mércores 4), Monforte (mércores 4), O Grove (xoves 5) e Lugo (xoves 5).

Continúan desenvolvéndose nos centros educativos galegos os obradoiros Xornalismo na Escola, unha iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Obra Social La Caixa que vai pola súa III edición. O programa didáctico achegará a vindeira semana o mundo do xornalismo ao alumnado do IES Daviña Rey de Monforte, o CPI Toural de Vilaboa, o IES de Porto do Son, o IES As Bizocas do Grove e o IES Lucus Augusti de Lugo. Así, o programa da vindeira semana de obradoiros é o seguinte: 

  • Mércores 4 no IES de Porto do Son, ás 8:20, ás 10:20 e ás 12:00. Imparte os obradoiros Rosa María Bueno Crego. 
  • Mércores 4 no CPI Toural de Vilaboa, ás 9:30 e ás 11:30. Imparte os obradoiros Paula Méndez Casais. 
  • Mércores 4 no IES Daviña Rey de Monforte, ás 12:35 e ás 16:00. Imparte os obradoiros Emilio Gómez Álvarez. 
  • Xoves 5 no IES As Bizocas do Grove, ás 8:30 e ás 10:00. Imparte os obradoiros Paula Méndez Casais.
  • Xoves 5 no IES Lucus Augusti de Lugo, ás 9:35 e ás 11:45. Imparte os obradoiros Maica García Rodríguez. 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernández e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Nestas sesións de 90 minutos de duración, dirixidas a alumnado de Secundaria, a rapazada entra en contacto co mundo xornalístico, coñecendo máis de preto o panorama informativo e o funcionamento dos medios de comunicación. Así, combinando teoría e práctica, trátanse cuestións como a liberdade de expresión, o dereito á información, os xéneros xornalísticos, a estrutura das noticias, a selección e xerarquización de contidos, as fontes de información, a diferenza entre os medios públicos e privados, a manipulación e a censura, os riscos e oportunidades da era dixital ou a importancia do propio oficio xornalístico. O obxectivo principal é trasladarlle ao alumnado saberes e ferramentas para seren usuarios formados, críticos e responsables á hora de informarse.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG