Nasser Abu Baker: "Non hai ningún xornalista en Palestina que non sexa vítima"
Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu esta mañá en Santiago o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que foi concedido á súa organización. O xornalista palestino afirmou que o sindicato considera a concesión deste premio "un evento histórico" polo "seu significado de solidariedade e apoio a Palestina".
O acto de entrega ao Sindicato de Xornalistas Palestinos do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís, tivo lugar esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago. Nasser Abu Baker, presidente do sindicato, asegurou que a situación dos xornalistas en Palestina na actualidade é "inimaxinábel".
A cerimonia de entrega, presentada pola xornalista Ainhoa Apestegui, deu comezo ás 12:30 cunha pequena actuación da música galego-palestina Najla Shami e as saudacións de Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Soledad Agra Tuñas, deputada da Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. A continuación, Anxo Quintela deu lectura ao manifesto "Estamos dentro", elaborado por el mesmo con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, no que se pregunta se a desafección pola información "non a sentimos tamén os xornalistas" e avoga por utilizar a imaxinación para pensar "outro xornalismo posible nestes tempos complicados".
Tras unha nova peza musical e a proxección dun vídeo sobre o labor do Sindicato de Xornalistas Palestinos en favor da liberdade de prensa en Gaza, Nasser Abu Baker participou dun coloquio coa xornalista Valeria Pereiras, onde debullou as condicións que sofren as e os comunicadores en Palestina. Abu Baker recordou que "o goberno israelí non quere que ningún de vós vexa a realidade do que pasa alí" e que son os xornalistas palestinos en Gaza "os que están a mostrar o que acontece e, polo tanto, os que facilitaron que esteamos hoxe aquí". O presidente do sindicato afirmou que Palestina vive "unha situación inimaxinábel" onde "non hai ningún xornalista que non sexa vítima" e chamou ao conxunto dos xornalistas a "seguir saíndo á rúa para denunciar todo o que está a acontecer e reclamar ao Tribunal Penal Internacional que interveña". "Coa unión dos xornalistas a nivel mundial podemos parar estas atrocidades", asegurou. A entrevista contou tamén coa participación a distancia de Marcos Méndez, Premio José Couso en 2023, que actualmente traballa en Cisxordania, quen dixo que "ningún xornalista galego dubida hoxe de que se hai alguén no mundo que estea a loitar pola liberdade de prensa, eses son as e os xornalistas dos territorios ocupados".
Finalmente, a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fixo entrega do premio, consistente nunha imaxe do fotoxornalista Óscar Corral, recente gañador do Premio Ortega y Gasset á mellor fotografía, a Nasser Abu Baker. No seu discurso de agradecemento, o presidente do sindicato cualificou a situación en Palestina de "guerra mediática de exterminio" e lembrou que, con todo, "os xornalistas palestinos continúan a realizar o seu traballo ao máis alto nivel de profesionalismo, pero en condicións moi perigosas e inhumanas". "O que nos fai sentir fortes", asegurou, "é o grande apoio brindado por amigos leais aos principios humanitarios, á liberdade de prensa e á defensa dos xornalistas", polo que agradeceu un premio que considera "un evento histórico" polo que significa como acto de solidariedade con Palestina e que dedicou ás familias dos xornalistas asasinados.
O acto pechouse cunha última actuación de Najla Shami, sobre a que se proxectou un vídeo en lembranza dos máis de douscentos xornalistas palestinos asasinados desde o 7 de outubro de 2023.
A candidatura premiada
O Sindicato de Xornalistas Palestinos (PJS, polas súas siglas en inglés) é unha organización profesional non gobernamental que representa a totalidade dos xornalistas palestinos. A súa sede principal está en Ramala, aínda que conta con sucursais noutras gobernacións. Herdeiro do primeiro sindicato, nacido en 1924 e desaparecido coa Nakba, fundouse en 1979 baixo o nome de Liga de Xornalistas Árabes en Xerusalén, debido á prohibición israelí de utilizar referencias explícitas a Palestina. Co retorno da Autoridade Nacional Palestina en 1994, consolidouse como o marco sindical de referencia para os xornalistas palestinos dentro e fóra do país.
O PJS enfronta retos constantes debido á ocupación israelí e á censura da información en Palestina. Dende o 7 de outubro de 2023, os xornalistas palestinos foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución por parte do exército israelí, con 210 xornalistas palestinos asasinados a 28 de abril deste ano, segundo datos do propio sindicato. Ademais, hai centos de xornalistas palestinos arrestados, numerosas vivendas de profesionais da comunicación destruídas e oficinas de medios bombardeadas. O bloqueo de correspondentes estranxeiros en Gaza e a censura contra o contido propalestino nas redes sociais forman parte tamén dunha estratexia de control informativo.
A pesar da represión, o PJS segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo, e ten sido recoñecido con galardóns como o Premio Mundial de Liberdade de Prensa Guillermo Cano outorgado en 2024 pola ONU e a UNESCO aos xornalistas de Gaza.
O premio
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recolle o legado do Premio José Couso, organizado polo Colexio de Xornalistas e Club de Prensa de Ferrol, logo de que no 2024 a familia Couso Permuy solicitara que se retirase o nome do camarógrafo ferrolán do galardón. O premio segue a constituír unha distinción do xornalismo galego a periodistas ou organizacións de calquera orixe cuxo compromiso merece o recoñecemento profesional e social.
As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
CPXG








