Xurxo Salgado: "A desinformación e a manipulación acadaron a súa máxima expresión durante a pandemia"

O director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado, exprésase sempre sen rodeos. Nesta entrevista, o tamén profesor da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, fala sobre as repercusións da crise, o ecosistema dos medios en galego e as amenazas a profesión. Salgado afirma que, durante esta pandemia "o nivel de desinformación e manipulación chegou á súa máxima expresión. É algo que xa viramos noutros momentos, como durante o procés catalán, pero coa pandemia desbordáronse moitos límites da ética informativa".

–Cal está sendo o principal reto no tratamento informativo da pandemia da Covid-19 para un medio dixital como Galicia Confidencial?

O principal obxectivo que temos é ser rigorosos con todo o que está acontecendo. Desde o primeiro momento tentamos contrastar sempre a versión oficial que viña por parte da Xunta, especialmente nas mortes en residencias, xa que había moitas dúbidas sobre o que alí estaba acontecendo, como posteriormente se foi demostrando. Agora a información e o interese está centrado, sobre todo, no proceso de vacinación e na efectividade das vacinas, que está xerando tamén moita controversia.

–Tivéchedes dificultades para acceder á información oficial relacionada coa pandemia?

Pois non o vou negar. E non é a primeira vez que lle pasa a Galicia Confidencial isto coa Xunta. De feito, ao comezo da pandemia tiven un problema co delegado dun medio porque publicamos unha información sobre o "favoritismo" da Xunta con certos medios á hora de facilitar información. Non nos pasou con todas as consellerías, pero si que houbo algunhas, departamentos concretos, que, por moito que insistimos, literalmente, ignoráronnos. Logo comprobabas que cousas que tentabas contrastar aparecían publicadas en medios determinados, e, especialmente, nun medio concreto que supoño que todos coñecemos.

–Como pensas que se pode frear o caudal de desinformación que chega mediante as redes sociais sobre este e outros temas? Que papel poden xogar os medios de comunicación?

Este un dos grandes problemas aos que nos enfrontamos os novos e vellos medios. As redes propagan moitas informacións falsas, noticias sen contrastar que se estenden moi rápido e que teñen un efecto inmediato na xente. Durante esta pandemia o nivel de desinformación e manipulación acadou, penso eu, a súa máxima expresión. É algo que xa viramos antes, con procesos electorais, co procés catalán, pero creo que coa pandemia, desbordaronse certos límites da ética informativa.

Para contrarrestalo penso que é importante que haxa un gran acordo entre os medios, sexan da ideoloxía que sexan, para tentar dar información obxectiva e obxectivable e poñer en marcha canles de verificación de noticias falas. Deixar de lado loitas partidarias ou ideolóxicas xa que nesta cuestión nos xogamos moito. 

–Durante estes meses, que información ou historia che impactou máis?

Houbo moitas, moi difíciles e moi tristes, pero quizais a que máis me chegou foi a da morte da moza embarazada de Carballo. Un tema que sacou o GC en primicia e que foi noticia a nivel internacional. E non é polo impacto informativo da noticia, senón pola historia humana que hai detrás porque tratamos, e moito, co irmán da moza. E, ao final, acabou agradecendo moito o traballo que fixemos e como tratamos o caso. Iso, para un xornalista e nunha situación como a que estamos vivindo, é un balón de osíxeno moi importante no recoñecemento da nosa profesión e tamén pon de relevo a importancia que os medios temos para tratar certos temas que outros grandes medios evitan publicar ou van logo a remolque pola connivencia que teñen cos poderes políticos. 

Esta pandemia fixo que os xornalistas tiveramos que facer un curso acelerado de medicina e obrigounos a familiarizarnos con terminoloxía e conceptos alleos ao conxunto da profesión"

 

–Cales son as principais complexidades para informar sobre unha cuestión médica tan especializada? É difícil entender o que contan os investigadores e médicos e trasladalo nunha linguaxe entendible para a audiencia?

Esta pandemia fixo que os xornalistas tiveramos que facer un curso acelerado de medicina e obrigounos a familiarizarnos con certa terminoloxía e con conceptos que, agás medios ou xornalistas especializados, eran alleos ao conxunto da profesión. Nesta aprendizaxe participamos todos, profesionais da información e a propia sociedade, que foi aprendendo con nós. Houbo certo cambio tamén entre o sector sanitario que se tivo que adaptar para explicar terminoloxías, conceptos, sintomas e tratamentos que en circunstancias normais terían despachado cunha nota científica. 

–Que vantaxes ou desvantaxes ten un medio dixital fronte a un medio tradicional para contar unha pandemia?

Penso que temos moitas ventaxes: inmediatez, viralidade, capacidade de ir actualizando as noticias e, sobre todo, posibilidade de escoitar e interactuar cos lectores o que, en moitas ocasións, serviu para precisar, actualizar ou abrir novas vías de investigación en relación ás informacións. Desvantaxes son as de sempre, que os poderes políticos, especialmente a Xunta, segue apoiando e subvencionando aos medios tradicionais. Pero penso que, afortunadamente, os lectores comezan xa a darse conta diso porque afecta aos contidos.

–A relevancia da pandemia fixo que quedasen ocultos outros temas importantes para  a sociedade? A Covid estanos impedindo ver outras realidades?

Si. E moito. Só hai que ver, por exemplo a lea que había no Estado antes da chegada da Covid-19 e en que foi quedando iso. Refírome, sobre todo, ao procés catalán. Pero no caso galego, por exemplo, antes da pandemia falabamos, precisamente, da desatención que o Goberno galego tiña coa sanidade. Hoxe aínda hai moitas eivas pero agora todo é Covid-19 e semella que non importan outros temas que igualmente son moi importantes, como a situación económica de moitas familias. 

–Una vez se controle a pandemia, a ciencia seguirá no lugar central dos contidos dos medios ou volverá a un discreto segundo plano?

Creo que a Covid veu para quedar. Iremos normalizando algo a situación con respecto a como estabamos antes pero de certos temas seguirase falando durante anos e, entre eles, a importancia dos aspectos sanitarios e científicos. Iso téñoo claro. 

Hai unha chea de sectores aos que hai que apoiar pero semella que, coma sempre, o sector da comunicación non conta a pesar de ser un dos máis golpeados pola crise"

 

–Como análise xeral, que fixeron ben e mal os medios durante a pandemia?

Pois ben é estar ao pé do canón, en primeira liña, contando todo o que pasaba, tamén é certo que uns máis que outros. Mal, darlle espazo a certas polémicas que non axudan como a da vacina Astrazeneca, xa que o número de mortes por esta vacina é menor á de moitos medicamentos que se consumen con asiduidade. 

–Que secuelas económicas deixará a crise nos medios de comunicación galegos e, especialmente, nos dixitais?

Moitas. Xa as notamos o pasado ano e notámolas igualmente neste. Houbo un baixón importante dos ingresos publicitarios e iso afecta á viabilidade de moitos deles e fai crecer, aínda máis, a súa dependencia política. E logo, a nivel institucional, non hai ningún tipo de axudas para os medios pequenos, como é o noso caso. E iso é algo que me cabrea moito. Hai unha chea de sectores aos que hai que apoiar pero semella que, coma sempre, o sector da comunicación non conta a pesar de ser un dos máis golpeados pola crise. E volvemos ao de sempre, a axudas controladas a certos medios concretos. Un exemplo diso é que a Xunta, que sacou unha chea de axudas para sectores concretos, deixou fóra aos medios de comunicación e volve sacar o mesmo prego de axudas de todos os anos cos mesmos requisitos de sempre e a mesma dotación económica. Axudas que, por outra banda, van parar case na súa totalidade ás grandes familias mediáticas de Galicia sen ter en conta aos dixitais. 

–Que lle dirías a unha persoa que empeza a traballar en Galicia Confidencial sobre como é o traballo real dun xornalista nestes tempos?

O que lles digo sempre cando entran a facer prácticas: que este mundo é complicado, difícil, pero que se hai ganas e interese pódese facer un bo xornalismo. Consellos, poucos pero rotundos: traballo, dedicación e, sobre todo, contar o que os outros non contan ou non queren contar e, para iso, é moi importante o contraste de fontes.

–Como profesor na facultade de Comunicación de Santiago, cal é o papel que debe xogar esta institución educativa?

Conecto coa anterior pregunta. É moi importante que xa saiban desde primeiro de carreira os riscos e os beneficios que implica traballar no mundo da información e por iso é tan importante que desde a facultade se lles inculque ese sentido profesional á hora de abordar as noticias. Eu agora insisto moito nos riscos que apuntabamos antes, na necesidade de facer boa información para evitar bulos e, sobre todo, na formación para combater a desinformación. 

"A xente está moi mal afeita ao todo gratis. Supoño que será cuestión de tempo porque se pagan por Netflix tamén poden pagar por unha noticia"

 

–Nun momento de máxima espectacularización e de polarización informativa, que ferramentas teñen os xornalistas para ofrecer unha información veraz e facerse ver nun panorama tan complexo?

O que sempre tivemos os xornalistas, o que nos distinguiu dos falabaratos: as fontes de información. Ter fontes diversas, plurais e convincentes. Creo que o segredo dunha boa información é saber manexar fontes distintas para artellar unha boa historia. 

–Que estratexia sería mellor para defender o xornalismo dos ataques cada vez máis frecuentes dos extremistas?

A unidade. Creo que en momentos como os actuais hai que deixar de lado as loitas partidistas ou ideolóxicas, tamén nos medios, para facer fronte a esta amenaza común. 

–Cales son os principais problemas, no día a día, para producir un medio das características de Galicia Confidencial?

A dimensión do medio. A pesar de chegarmos a moita xente temos carencias económicas, o que implica que temos poucos recursos humanos e, polo tanto, escasa capacidade real para abordar moitos temas á vez. Con máis recursos e máis xornalistas, o salto informativo sería importante. 

–Como lembras as orixes do xornal?

Lémbroo con moito cariño. O GC naceu coma un blog para contar o que non podía contar nos medios nos que fun traballando. E desde entón ese espírito rebelde foise mantendo. O medio transformouse, fíxose maior, pero o espírito rebelde co que naceu segue estando aí. Os erros van ligados ao que comentaba antes, á febleza económica, o que implica, por exemplo, que moitas veces sexa imposible quedarnos con xente que é moi boa.
 
–Cal é a saúde do ecosistema de medios na nosa lingua?

A saúde dos medios en galego depende de moitos factores. Cada día nacen máis, especialmente, en formato dixital. Nunca houbo tantos medios como agora. O problema non está aí. O problema está en que, a diferenza do que acontece con outras sociedades semellantes á nosa, plurilingües, non hai apoio para os medios que deciden defender unha desas linguas, neste caso o galego, e precísase que haxa unha sociedade madura que poida apoialos e verse reflectida neles.

"Nas futuras redes é moi complexo crear comunidade porque son para un tipo de público que comeza a deixar de lado os xornais"

 

–Pensas que é útil a unión dos medios en galego para conseguir obxectivos comúns? 

Por suposto. Sempre o dixen, o defendín e o seguirei defendendo. Para iso botamos a andar a Asociación de Medios en Galego (Amega) e, aínda que o traballo vai aos poucos, nestes últimos anos comezamos a ver os froitos. 

–O futuro do xornalismo dixital pasa polos muros de pagamento ou hai outras alternativas e medio prazo para rentabilizar os custes da información?

Eu sempre digo que o GC foi o primeiro medio galego que en 2009 puxo en marcha os famosos muros de pagamento. Daquela era o pay per news, ou pago por noticias. Nós puxemos en marcha entón o GCPlus, que era un sistema de noticias de investigación en pechado ao que só tiñan acceso os que pagaban por elas. Foi un gran fracaso. E aí volvo co da sociedade madura. Agora renaceu este sistema con máis forza, sobre todo, por parte dos grandes medios. Como en todo, será necesario un gran pacto no sector da comunicación e sobre todo, facer grandes campañas de educación do público. A xente está moi mal afeita ao todo gratis. Supoño que será cuestión de tempo porque se pagan por Netflix tamén poden pagar por unha noticia. A cuestión é ir educando e igual era bo que nas escolas e nas facultades houbera certa formación nese sentido, especialmente, para facer fronte á desinformación e ás fake news

–Hai maneira de defender o espazo e as audiencias propias fronte a xigantes multinacionais como Google ou as redes sociais?

É moi difícil. Eu sempre conto que hai cinco anos o noso tráfico directo era 75% e o de redes era o 25%. Hoxe é ao revés. Tamén nese tempo crecimos moito, pero a maior parte dos lectores entran a través das redes. Doéme recoñecelo, pero estamos vendidos a Facebook e a Twitter. E o problema xa non é este, senón o das futuras redes nas que xa é moi complexo crear comunidade porque son para un tipo de público que comeza a deixar de lado os xornais. Con todo, a nosa estratexia é potenciar tamén as redes: Facebook, Twitter, Youtube, Instagram, Telegram, etc.

–Que plans de futuro tedes para evolucionar o medio, tanto en contidos e formatos como a nivel tecnolóxico?

Levamos tempo dándolle voltas a isto e, en parte, ten que ver co que comentei agora do tema das redes sociais, de como buscar xeitos interesantes de comunicar e atraer a outro público. E niso estamos, desde redeseños puntuais a incorporar novos formatos informativos, entre eles, as videorreportaxes, coas que comezamos a experimentar o pasado ano. 

DARÍO JANEIRO