Explorando a IA no xornalismo
O Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía (CPPA) organiza o vindeiro mércores 5 de febreiro, entre as 16:30 e as 18:00 horas, dentro do seu Plano de Formación 2025, a charla ‘Explorando a IA no xornalismo’, impartida por Sonia Blanco, Francisco Marcos Martín Martín, María Sánchez González e Nereida Cea. O obradoiro desenvolverase en formato 100% online. En virtude dos acordos da Rede de Colexios de Xornalistas, o webinar ten un prezo reducido de 5 euros para colexiados e colexiadas do CPXG.
Esta actividade ten como obxectivo familiarizar os e as xornalistas coas ferramentas de IA que optimizan o uso de fontes e recursos, especialmente no ámbito sonoro; desenvolver habilidades de deseño e creatividade xornalística usando IA, permitindo aos participantes explorar novas formas de presentación de contido mediante ferramentas xenerativas; reflexionar sobre o uso ético da IA no xornalismo, promovendo unha análise crítica sobre as posibilidades e limitacións destas tecnoloxías e as súas implicacións éticas; promover o entendemento e a aplicación da IA para mellorar a eficiencia e a innovación na práctica xornalística; e fomentar o coñecemento sobre o impacto da IA na desinformación e como os xornalistas poden utilizar estas ferramentas para combatela.
Sonia Blanco é profesora titular do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Málaga e xornalista especializada en temas de tecnoloxía e redes sociais. Francisco Marcos Martín Martín, doutor en xornalismo, está especializado desde hai dúas décadas na alfabetización mediática e é coordinador de “Verifake. Alfabetización mediática contra a desinformación no ámbito das persoas maiores”. María Sánchez González, é doutora en Xornalismo e técnica na área de Innovación da Universidade Internacional de Andalucía, e ten desenvolvido varios espazos de comunicación en liña e catálogos colaborativos sobre Innovación Educativa. Por último, Nereida Cea é profesora titular no Departamento de Xornalismo da Universidade de Málaga e investigadora principal no proxecto ‘DesinfoperIA Aplicacións xornalísticas da IA para reducir a desinformación: tendencias, usos e percepcións de profesionais e audiencias’.
Para inscribirse, as persoas interesadas deben cubrir o formulario online antes da realización do curso. Máis información na web do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía.
Inscrición
Consulta o texto para os detalles da inscrición e matrícula.