'Xornalismo na Escola' introduce o alumnado en temáticas transversais como a violencia de xénero

  • Taller de 'Xornalismo na Escola' no IES de Poio
  • Taller de 'Xornalismo na Escola' no IES Xulián Magariños de Negreira
  • Taller de 'Xornalismo na Escola' no IES Xulián Magariños de Negreira

Os obradoiros de Xornalismo na Escola organizados polo CPXG e a Obra Social ‘la Caixa’ chegaron a semana pasada aos institutos de ensino secundario de Cambre, Poio, Negreira, Muros, Salvaterra de Miño, Ames, Ordes, Santa Comba, O Porriño, e O Grove, introducindo temáticas transversais como a violencia de xénero.

Os obradoiros de Xornalismo na Escola para 3º e 4º da ESO, postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’ continúaron a súa andaina a pasada semana no IES David Buján de Cambre, IES de Poio, IES Xulián Magariños de Negreira, IES Plurilingüe Fontexería de Muros, IES de Salvaterra de Miño, IES Plurilingüe de Ames, IES Plurilingüe Maruxa Mallo de Ordes, IES Terra de Xallas de Santa Comba, IES Pino Manso do Porriño, e IES Monte da Vila do Grove. Nos talleres, ademais de achegárense ao mundo da comunicación, as e os escolares descobren e tratan temas transversais.

Deste xeito, en Ordes o obradoiro estivo enmarcado dentro dunha programación especial do Día Internacional da Muller, e a petición do centro incluiu un apartado específico sobre violencia de xénero e medios de comunicación. Este tema motivou moitas preguntas por parte do alumnado, e tamén provocou sorpresa, ao seren conscientes por primeira vez do tratamento morboso deste tipo de información, tanto na linguaxe utilizada como na descrición dos feitos, así como a falta de respecto ás vítimas

Outra cuestión que causa especial curiosidade entre os e as alumnas é a ideoloxía dos medios, e como esta afecta ao tratamento da información, interesándose moito polas diferenzas á hora de titular unha noticia, como aconteceu en Ames ou no Porriño. A censura, a súa aplicacion e a existencia de profesionais que perden a vida por informar espertan especialmente o interese dos e das rapazas. 

Contodo, as prácticas do alumnado parecen moi afastadas do xornalismo tradicional. Non acaban de identificar os obxectivos, finalidades e a utilidade do xornalismo e, en xeral so falan de xornalismo identificandoo coa televisión. Paradoxalmente non ven a televisión nin escoitan a radio ou leen prensa escrita e, utilizan masivamente, sobre todo o móvil e Internet, non tanto para informarse como para se entreter.

Logo das vacacións de Semana Santa, a inciativa Xornalismo na Escola continúa con talleres no IES de Melide (martes 29), IES Breamo de Pontedeume, IES Isaac Díaz Pardo de Sada e IES Monte Carrasco de Cangas (mércores 30), IES Virxe do Mar de Noia e IES nº 1 do Carballiño (xoves 31) e IES Río Cabe de Monforte de Lemos (venres 1).

CPXG