Xornalismo na Escola chega esta semana aos IES de Poio e Marín

Inculcar o espíritu crítico ante a información da xente máis nova; explicarlles aos rapaces e rapazas o que é a mediación xornalística e por que é necesaria, e facerlles patente a diferencia entre o que é información xornalística e o que non é información xornalística, son algún dos obxectivos da primeira edición de Xornalismo na Escola, un proxecto que é posible grazas a un acordo acadado a finais do ano pasado entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. 

Isto entre outras interesantes cuestións da profesión que, coa forma de obradoiros rigurosos e a súa vez, amenos e participativos, pretenden recuperar a dignidade na profesión, o entendemento e a complicidade da cidadanía (comenzando por un dos colectivos máis vulnerables á merma da ausencia do dereito á información, a xuventude) descubrirlles a propia profesión a moitos deles, polo amplo descoñecemento social que existe na actualidade en torno ao sector e fomentar entre os máis novos unha actitude diferente e motivadora, ante os profundos cambios que están acontecendo no xornalismo moderno.

Transformacións profundas que precisan dunha actualización, explicación e renovación na profesión xornalística para que esta sexa partícipe, de xeito positivo, dos devanditos cambios e para que así o identifique a cidadanía. 

Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García, Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas, seleccionados en toda Galicia, encargados de impartir os obradoiros en 60 institutos de a Comunidade Galega, todos eles con amplia traxectoria no sector xornalístico galego. 

Xornalismo na Escola recala esta semana, da man do xornalista Víctor Sariego, nos IES de Poio e Marín. Concretamente o luns as 16.30 horas no IES de Poio (Camiño do Penedo 27, Poio) e o martes as 8.30 horas e o mércores as 11.20 horas no IES Mestre Landín de Marín (Pazo da Raña, s/n). Sariego, xornalista con experiencia laboral nalgúns medios de comunicación de Pontevedra, é un dos seis xornalistas seleccionados para esta primeira edición de Xornalismo na Escola e o encargado de impartir varios dos devanditos obradoiros, principalmente na provincia de Pontevedra. 

Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns lugares onde se ven celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, repercusión e resultados positivos en multitude de ámbitos.

Os medios interesados na cobertura informativa destes talleres, pode contactar co CPXG no 981 93 56 70, no mail, xornalistas@xornalistas.gal