Arzúa, Baiona, Carballo, Cee, Chantada, Fene, Marín e Melide, próximos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’

  • Obradoiro no IES Melide
  • Obradoiro no IES Monte Carrasco de Cangas
  • Obradoiro no IES nº 1 do Carballiño

Os IES de Arzúa, Primeiro de Marzo de Baiona, Monte Neme de Carballo, Fernando Blanco de Cee, Val do Asma de Chantada, Fene,  Mestre Landín de Marín e Melide, serán os centros que acollan os próximos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’.

Ata un total de 12 talleres en oito localidades terán lugar a  vindeira semana dentro do programa ‘Xornalismo na Escola’, unha iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’ que se puxo en marcha o pasado mes de marzo. Os centros recibirán a visita dos xornalistas encargados de impartir estas charlas, que introducirán o alumnado, de 3º e 4º da ESO, en distintos temas como a importancia da figura do xornalista, a liberdade de prensa ou o dereito á información.

Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García, Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas encargados de impartir os obradoiros.  Juan Modesto del Río, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou, entre outros medios, en La Voz de Galicia e varias televisións locais, ademais de colaborar na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Jesús Manuel García, licenciado en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid, traballou en La Voz de Galicia, Antena 3 Radio e Radiovoz Valdeorras. Olalla Liñares, graduada en Xornalismo pola USC, traballou como bolseira na Secretaría Xeral de Medios da xunta de Galicia, Radio Galega, Radio Negreira e colaborou con medios como España Exterior ou Compostimes. Rebeca Romero, licenciada en Xornalismo pola USC, traballou en gabientes de comunicación, en diferentes medios como La Voz de Galicia, Axencia EFE ou Infolibre e nestes últimos anos estivo en latinoamérica desenrolado a súa carreira profesional. Mayte Silva, licenciada en Xornalismo pola USC, desenvolveu a meirande parte da súa traxectoria profesional en gabinetes de comunicación como no Concello de Lugo ou na Xunta de Galicia. Víctor Sariego, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou en Oviedo TV, no xornal ovetense La Capital, El Progreso Asturiano, Diario de Pontevedra, Xornal de Galicia, así como noutras publicacións.
 
O proxecto 'Xornalismo na Escola' é posible grazas a un acordo acadado a finais do ano pasado entre o Colexio de Xornalistas e a Obra Social ‘la Caixa’. Asemade, a Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa noutras cidades e comunidades autónomas, onde xa fai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns deses lugares onde se ven celebrando talleres de similares características.

NOTA: Para máis información sobre o proxecto, podes contactar con CPXG no 981 93 56 70 ou neste mesmo mail, xornalistas@xornalistas.gal. Se estás interesado na cobertura informativa dun dos talleres, podes tamén solicitalo a través dos mesmos medios.

CPXG