Manuel Rey: “Non todos os científicos son seres de luz, tamén teñen intereses”

Manuel Rey é un dos xornalistas do portal de divulgación científica GCiencia, onde se encarga de boa parte da información sobre a pandemia, unha cobertura da que destaca as entrevistas a expertos como Alberto García Basteiro, María Tomás, Pedro Rascado, José Manuel Sabucedo, María José Pereira, José Carlos Millán, Antonio Pose, África González ou Juan Gestal. Antes pasou por La Voz de Galicia e RadioVoz. En 2017 recibiu o Premio Galicia de xornalismo científico por unha reportaxe sobre a ataxia da Costa da Morte que despois converteu nun libro. Membro dunha xeración de periodistas que chegou ao mercado laboral en plena crise económica, Manuel é, malia todo, optimista ante o futuro.

-Que é o máis importante que aprendemos os xornalistas durante a pandemia?

A pandemia está sendo unha aprendizaxe xeral sobre a marcha. Todo o mundo aprendeu mellor a maneira na que funciona a ciencia, a contrastar se unha publicación científica ten suficiente consistencia ou a importancia de ser moi precisos coa linguaxe. E un detalle sobre o teletraballo que pode parecer banal, pero non o é. É moi importante, se é posible, ter unha habitación dedicada só a traballar. Necesitas separar fisicamente o espazo de traballo na casa. No meu caso foi esencial, e non sei como faría a xente con nenos ou que simplemente non ten un cuarto á parte para traballar. 

-En que é diferente a vosa cobertura da pandemia da dun medio xeralista? 

Por recursos é evidente que non podemos funcionar igual que un medio xeralista, así que o primeiro condicionante é sempre a selección, decidir qué ten relevancia suficiente para publicar, enfocalo de diferente maneira... Hai outros medios especializados que están facendo un traballo incrible. A nivel estatal, por exemplo, Redacción Médica ou Diario Médico, que teñen moitos máis recursos. Sendo un medio de divulgación científica, durante a pandemia preguntabámonos tamén ata que punto debiamos contar as implicacións sanitarias da crise como os problemas de falta de recursos do sistema, porque son moi importantes para explicar o contexto científico da pandemia. 

-Como medio pequeno e especializado tedes limitacións pero tamén vantaxes.

Estamos máis habituados a utilizar certos termos e temos máis precaución no tratamento de determinados datos. Somos conscientes, por exemplo, de que non é o mesmo a letalidade que a mortalidade dunha doenza, ou da diferenza entre os casos novos e os casos activos, que se confundiron en Galicia durante meses. Tamén temos claro que ten que haber un traballo de filtro ben entendido. Todo o mundo se puxo a publicar artigos sobre a covid, por determinados intereses que pode ter a comunidade científica. Publicábase para contribuír ao coñecemento e axudar a que todo isto se solucione máis rápido, si, pero os científicos non son todos seres de luz, tamén teñen os seus intereses. Na necesidade que había de ter respostas e evidencias rápidas había estudos que se publicaban en formato preprint, prepublicacións, ou mesmo informes rápidos e sen moita profundidade. Son estudos moi susceptibles aínda de seren revisados, e aí fixéronse ás veces afirmacións moi categóricas sobre determinados resultados que cinco días ou cinco semanas despois quedaban invalidadas polo que se ía coñecendo. 

"Hai poñer sobre a mesa toda a información dispoñible sobre as vacinas, sen especular"

 

-Como se informa eficazmente de temas tan complexos? Por exemplo, agora mesmo, do proceso para conseguir vacinas. 

A xente non é parva, ve a sucesión de acontecementos e dáse de conta dos condicionantes que hai. Os anuncios sucesivos sobre a efectividade das diferentes vacinas, a euforia nas bolsas... Hai que explicar que os resultados se basean nunha investigación moi profunda, avaliada por un comité, ás veces externo, pero que aínda non están publicados en ningunha revista científica. Ten que haber equilibrio, hai que poñer sobre a mesa toda a información dispoñible sen especular. Hai un contexto moi amplo nesta cuestión que tamén é necesario que a xente comprenda, sen que pensen que esta é simplemente unha carreira de especuladores nin se esperten sentimentos negacionistas de que non se está conseguindo nada. 

-Crecen a conspiranoia e o negacionismo científico como ás veces parece?

Unha das razóns que me impulsou a ser periodista é que miña nai tiña un quiosco. A xente compraba revistas de asuntos paranormais e falábanche da área 51 e do caso Roswell, e tamén se comentaban na televisión. Hoxe a xente bota as mans á cabeza con Cuarto Milenio pero antes era peor. Mentres preparaba unha información sobre o vixésimo aniversario dos terremotos de 1997 en Lugo atopaba nas hemerotecas as misas e procesións que se fixeran daquela para pedirlle á Virxe que parasen os tremores! Nos últimos anos hai unha aposta clara pola comunicación científica e en xeral os medios teñen máis coidado co que publican. O mundo avanzou, aínda que haxa xente que defenda cousas sen sentido.

"O acceso á información pública segue sendo moi confuso, sen datos abertos nin series históricas"

 

-Que problemas atopaches á hora de informar sobre a covid-19?

O problema do acceso aos datos en Galicia foi bastante serio durante meses. Houbo un pequeno avance coa web actual, máis para a cidadanía en xeral que para os xornalistas. Ademais segue sendo moi confuso, seguen sen facilitarse datos abertos nin series históricas, non podes descargar todos os días a serie porque vai mudando e non che facilitan eses datos. As primeiras semanas foron difíciles para todo o mundo. As xornadas estendíanse moitísimo, como lles pasou en maior medida aos sanitarios e á xente que traballaba nos servizos esenciais. Acumulábase traballo, pezas que tiñas previstas quedaba apartadas pola inmediatez e acababas a última hora do día enviándolle o borrador á persoa que entrevistaras. 

-Adoitas enviarlles un borrador das información ás túas fontes científicas?

Estráñalle a moita xente cando o comento. Moitos botarán as mans á cabeza, cando se cadra son outras prácticas as que habería que cuestionar, como o dirixismo nas informacións. Non o fago sempre, e se cadra non o faría noutro tipo de medio, pero cando falas por teléfono con varias fontes, de asuntos complexos dos que tes moito menos coñecemento ca eles, é moi importante ser preciso e non confundir termos. A sinatura é a túa, pero os científicos que falan tamén se comprometen. É un dilema deontolóxico interesante porque alguén pode argumentar que un científico pode ter a mesma necesidade de vender a moto que un político, e pode ser así. Eles xogan o seu financiamento e o seu prestixio, manter un equipo, tamén hai loita de egos. Pero si, teño visto científicos cabreados porque ven nos medios declaracións nas que non se recoñecen. E mellor se isto se pode evitar.

"Os xornalistas novos poden darlle unha volta interesante ao sistema mediático en Galicia"

 

-Tes 31 anos. Como atopou a pandemia aos xornalistas da túa xeración? Cales son as vosas perspectivas de futuro?

A miña promoción saíu ao mercado laboral nuns anos bastante complicados. Xa houbera unha criba importante de xente que estudou Xornalismo e que, por mor da crise nos medios, decidiu reformularse profesionalmente cara á comunicación institucional ou corporativa, ou que deixou o sector. Para que os que traballamos como xornalistas, hai problemas, loxicamente, e seguro que 2021 vai ser complexo, pero eu son relativamente optimista. Como entre 2008 e 2013 houbo tamén unha crise brutal de modelo para o xornalismo, penso que agora hai unha ventá para o optimismo, para que esta situación non nos leve por diante. Coas opcións que dan as novas formas de comunicar, hai unha oportunidade interesante para o xornalismo en xeral, e incluso a nivel local, aínda que se cadra non será detrás de grandes cabeceiras. Hai xente que está facendo cousas tremendamente boas e interesantes, mesmo xente non moi cercana á profesión que monta o seu estudio na casa e se pon a entrevistar a científicos e acada unha relevancia notable. Loxicamente, non todo iso é xornalismo, pero cos principios do xornalismo e as ferramentas dos novos tempos, penso que a xente que sae agora ata pode darlle unha volta interesante ao sistema mediático en Galicia. Pero aínda estamos todos en estado de choque e realmente non sabemos o que vai pasar. 

-Que recursos recomendas para mellorar a cobertura xornalística da pandemia?

Canto á formación, o Centro Knight ofrece cursos gratuítos interesantes, moi enfocados ao xornalismo dixital. Como fontes, desde o punto de vista da comunicación científica, The Conversation fai un traballo editorial moi bo, con recursos e fontes académicas de todo tipo de temas. En GCiencia publicamos en galego algúns dos seus artigos. SINC é unha axencia de información científica a nivel estatal que tamén ten pezas moi interesantes, e polo que a nós nos toca no seguimento da comunidade investigadora en Galicia, as webs das Universidades e do CSIC. E, como curiosidade, o repositorio Science Direct, con miles de artigos de investigación publicados nos últimos anos, no que se poden atopar temas interesantes ligados a Galicia. 

BELÉN REGUEIRA