O CPXG reivindica o papel das mulleres na historia do xornalismo co lema #IgualdadeDePrensa

Letizia Battaglia, a fotoxornalista que documentou a crueldade dos crimes da mafia siciliana, é unha das comunicadoras lembradas na campaña

Con ocasión da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reivindica co lema #IgualdadeDePrensa o nome e a figura de compañeiras de profesión que fixeron posible un xornalismo menos machista. Con esta iniciativa, o Colexio quere sumarse á reclamación da igualdade de xénero nos medios de comunicación.

Como o resto da sociedade, o eido do xornalismo non é alleo á discriminación patriarcal, que se desenvolve de distintas maneiras: fendas salariais de xénero, teitos de cristal que impiden o acceso das mulleres a postos de dirección, acoso e violencia contra as comunicadoras... Entre estas estratexias da discriminación atópase a da invisibilización das mulleres, que deixou no esquecemento o labor e a herdanza de moitas xornalistas e que, aínda hoxe, minusvalora a capacidade de traballo de moitas compañeiras. 

Para rachar con esta invisibilización, o Colexio de Xornalistas está a compartir estes días co hashtag #IgualdadeDePrensa os nomes, as imaxes e as historias de mulleres que contribuíron de maneira central ao desenvolvemento do xornalismo, como símbolo para reivindicar a igualdade plena de mulleres e homes nos medios. 

Así, recupéranse nomes de mulleres como Gerda Taro, pioneira do fotoxornalismo de guerra, moitas de cuxas fotos foron atribuídas a Robert Capa, co que compartía pseudónimo. Ou como María Luz Morales, que en 1936 pasou de ser a única muller da redacción de La Vanguardia á primeira directora dun xornal en España. Ou como Oriana Falacci, cuxo estilo marcou un antes e un despois á hora de facer entrevistas. Nomes que é necesario reivindicar para termos unha historia xusta e garantirmos un futuro en igualdade para o xornalismo.

O Colexio de Xornalistas quere tamén aproveitar esta data para apelar á responsabilidade das persoas que ocupan as xefaturas de redacción e edición e ao seu compromiso para avanzar cara a un tratamento máis axeitado das noticias sobre violencia contra a muller, nas que se seguen a detectar eivas imperdoábeis nunha prensa libre, democrática e comprometida co desenvolvemento social dun país. A perpectiva de xénero debe ser un asunto transversal e cómpre, con urxencia, abordar as necesidades de formación neste eido de todas e todos os profesionais e tomar en serio a igualdade, reflectíndoa na estrutura e na organización interna das propias redaccións.

CPXG