Condena a un xornalista por "intromisión ao dereito á honra"

O xornalista José Manuel Rubín e La Voz de Galicia foron condenados ao pagamento dunha indemnización de 5.000 euros ao senador do PP Miguel Pérez de Juan por publicar un artigo no que se afirmaba que o político non fixera "nada de nada".

O xulgado de primeira instancia número cinco de Ourense vén de condenar ao xornalista José Manuel Rubín e ao xornal La Voz de Galicia ao pagamento dunha indemnización de 5.000 euros por danos e prexuízos ao senador do Partido Popular Miguel Ángel Pérez de Juan Romero. A xuíza titular Ana María Gómez Bande estimou parcialmente a denuncia do político que consideraba o artigo de opinión titulado Carta abierta a Miguel Pérez de Juan como unha "intromisión ao dereito a honra".

En concreto, o tribunal falla que a frase "hoy sabemos que en cuatro años no hiciste ni una pregunta, ni una interpelación, ni nada de nada en el senado. Cobrar y callar" é unha "intromisión ilexítima no dereito á honra" de Pérez de Juan, destacando que a expresión "nada de nada" ten un carácter "despectivo" que provoca "máis crítica por parte do público". Porén, noutros enunciados como "la política te había valido como antes te había valido Cáritas para servirte" ou "El ejemplo que nos legas es como servidor o empleado público para sacar tajada personal" considera que non hai inxuria pois "traslada ao papel a opinión dunha importante parte da sociedade", plasmando por escrito unha crítica "con tono irónico e ferinte se se quere, pero non inxurioso". 

A xuíza fixou en 5.000 euros a indemnización ao demandante, polos "efectos económicos negativos" que o artigo puidera supor "na actividade privada da súa consulta médica", rebaixando en 45.000 euros a cantidade reclamada inicialmente polo senador. Así mesmo, condena a La Voz de Galicia á publicación íntegra da sentenza coa mesma relevancia que o artigo orixinal.

O xornalista José Manuel Rubín xa presentou recurso de apelación contra a sentenza.

CPXG