Crise dos proxectos informativos en galego

Dossieres

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche da versión en papel de A Nosa Terra, semanario en galego con máis dun século de historia que deixará de estar nos quioscos como consecuencia da súa precaria situación económica.

Como xa ten manifestado a Xunta de Goberno do CPXG en máis dunha ocasión, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión, pero, nomeadamente, para o conxunto da sociedade, que perde en pluralidade informativa.

Neste caso danse dúas circunstancias que agravan a perda. A Nosa Terra é unha cabeceira histórica que puxo a defensa do idioma galego como eixo da súa actividade informativa e que serviu de espazo de expresión para os intelectuais galeguistas do século XX e de principios deste.

A desaparición da edición en papel de A Nosa Terra supón ademais a continuación dun proceso de peche de proxectos informativos en galego que contribuíron a creación dun espazo comunicativo propio, como Vieiros, a rede social Chuza ou A Peneira. Hoxe, ese espazo é máis pobre.

Á marxe da crítica que se poida facer á xestión dos responsables de A Nosa Terra, que non corresponde a este Colexio, si debemos chamar a atención sobre as queixas formuladas polo seu presidente e conselleiro delegado, Alfonso Eiré, sobre a falta de apoio público desde que se produciu o cambio político na Xunta de Galicia. Custa entender, por exemplo, que Xunta e Parlamento teñan anulado as suscripcións de A Nosa Terra que, pola contra, manteñen entidades moito más afastadas como a biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.

A xuízo desta Xunta de Goberno, as institucións galegas deben velar por un espazo comunicativo plural e defender a presencia nel do idioma galego, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 5. (Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa).

A historia de A Nosa Terra estivo chea de dificultades e desaparicións, pero o semanario sempre conseguiu volver aos quioscos. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia agarda que de novo volva ser así.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2010

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación