'Xornalismo na Escola' leva este luns novos obradoiros a Lugo, Maceda e Santiago

Obradoiro de Xornalismo na Escola o pasado 23 de marzo no IES Xelmírez I

A segunda edición de Xornalismo na Escola, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar aos máis novos o xornalismo e os medios, continúa este luns 3 de abril con novos talleres en Lugo, Maceda e Santiago de Compostela.

En Lugo, o obradoiro, impartido por Ángeles Fernández Mayra vai ter lugar no IES Sanxillao entre as 16:30 e as 18:10 horas. Xosé Lois Carrión será o encargado dos talleres no IES de Maceda, que se van desenvolver de 10:45 a 14:25. E por último, o obradoiro de Santiago terá lugar no IES Xelmirez I entre as 10:45 e as 12:15, estando a cargo de Susana Bastón. Esta segunda edición de Xornalismo na Escola, que se iniciou o pasado dous de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía tense trasladado tamén a Vigo, Ribeira, Ourense, A Coruña, Betanzos, Pontevdedra, Brión e Celanova.

O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG