A Carta de París estabelece os principios éticos para o uso da IA no xornalismo

O Foro de París sobre a Paz acolleu a presentación da Carta de París, un documento realizado a instancias de RSF e apoiado por outras 16 organizacións internacionais que estabelece un decálogo de normas esenciais para o uso da intelixencia artificial nos medios. Entre os principios recollidos atópanse a deontoloxía como guía, o criterio humano como eixo das decisións editoriais, a necesaria diferenciación entre contidos auténticos e xerados artificialmente ou a implicación na gobernanza mundial da intelixencia artificial.

Dezasete organizacións do xornalismo e os medios de todo o mundo fixeron pública o pasado 10 de novembro, a instancias de Reporteiros Sen Fronteiras (RSF), a Carta de París, un documento que estabelece unha serie de principios éticos básicos para garantir a integridade da información e preservar a función social do xornalismo cando se usa a intelixencia artificial (IA) no ámbito da comunicación. A carta, presentada no Foro de París sobre a Paz, é o resultado do traballo, iniciado en xullo deste ano, en colaboración con organizacións da sociedade civil, expertos en IA e representantes dos medios e xornalistas.

O documento propón un decálogo de normas esencias que deben rexer a inclusión da IA no xornalismo. En primeiro lugar, a deontoloxía xornalística debe guiar o uso da tecnoloxía e os medios deben priorizar o criterio humano nas decisións editoriais. Ademais, os sistemas de IA deben someterse a avaliación e os medios manterán a transparencia sobre o seu uso, asegurando sempre a orixe e a trazabilidade do contido e responsabilizándose deste. É preciso tamén marcar unha liña clara entre os contidos auténticos e sintéticos e personalizar estes últimos para conservar a diversidade e a integridade da información. Por último, desde o eido da comunicación é necesario un compromiso coa gobernanza mundial da IA e coa defensa da viabilidade do xornalismo cando se negocie con empresas tecnolóxicas. 

Ademais de RSF, a Carta de París esta apoiada por numerosas organizacións de defensa da profesión (o Commitee to Protect Journalists, a Canadian Journalism Foundation / La foundation pour le journalisme canadien, a DW Akademie, o European Journalism Centre, a Ethical Journalism Network, a Free Press Unlimited, o Global Forum for Media Development, o International Press Institute, o Pulitzer Centre, e a Thomson Foundation), a principal federación de sindicatos de xornalistas (a Federación Europea de Xornalistas), unha organización representativa de medios de televisión públicos (a Asia-Pacific Broadcasting Union), un centro de investigación en comunicación (o Collaboration on International ICT Policy in East and Southern Africa) e varios consorcios internacionais de xornalismo de investigación (a Global Investigative Journalism Network, o International Consortium of Investigative Journalists e o Organized Crime and Corruption Reporting Project).

CPXG