A Comisión Europea dá os primeiros pasos do Observatorio Europeo dos Medios Dixitais

A Comisión Europea abriu unha convocatoria de licitación para a creación do Observatorio Europeo dos Medios Dixitais, que pretende ser unha plataforma que axude a combater a desinformación en Europa. A posta en marcha desta plataforma encádrase no plan da Comisión contra a desinformación, que xa deu lugar a distintas medidas a nivel europeo. 

 

A Comisión Europea vén de publicar unha licitación para a creación do Observatorio Europeo dos Medios Dixitais. A nova plataforma quere servir de núcleo arredor do cal poidan colaborar e vincularse os verificadores de datos, os investigadores, as organizacións de medios e os expertos en alfabetización mediática, ademais de proporcionar apoio aos responsables políticos en materia de comunicación. A convocatoria, dotada con dous millóns e medio de euros, abriuse o pasado un de outubro e estará vixente até o 16 de decembro deste ano. 

Esta licitación é o primeiro paso para a posta en marcha dun organismo europeo que combata a desinformación na rede, un dos obxectivos recollidos no plano de acción para a loita contra a desinformación que a Comisión aprobou en decembro de 2018. Este plan ten o obxectivo de reforzar as capacidades e fortalecer a cooperación dos Estados membros e a Unión Europea en catro áreas clave: mellora da detección, coordinación de respostas, traballo con plataformas e a industria online, e concienciación e capacitación da cidadanía para responder á desinformación en liña. A creacoón do Observatorio Europeo dos Medios Dixitais encádrase na última destas áreas.

Para desenvolver o resto de áreas de acutación, a Unión Europea ten posto en marcha outras medidas como o incremento dos orzamentos dentro do Servizo Europeo de Acción Exterior, o desenvolvemento dun sistema de alerta rápida para unha mellor resposta cordinada e o traballo eficazmente con plataformas online para levar a cabo os compromisos do Código de conduta sobre a desinformación.

CPXG