A FeSP e o SXG condenan o pinchazo do teléfono dun xornalista vasco

A Consellería de Interior do goberno vasco, coa sorprendente autorización dunha xuíz, investigou as chamadas telefónicas que recibira durante once días un xornalista do diario El Correo para pescudar que axente da Policía Autónoma facilitoulle unha información.
A Xunta Executiva da Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma parte o SXG, rexeita e condena esta intromisión no dereito constitucional que teñen os xornalistas a informar á cidadanía, que tamén supón un claro atentado contra o segredo profesional do xornalista.

Fai un mes, a Xustiza de Andorra permitiu á Policía do Principado intervir o teléfono móbil dun redactor do Diari de Andorra para intentar pescudar quen lle facilitaba información desde os xulgados ou a Fiscalía.

En ambos os casos trátase dun claro atentado aos dereitos dos xornalistas a solicitar información e da cidadanía a recibila.

O Correo publicou que un presunto colaborador de ETA fora avisado de que ía ser detido pola Ertzaintza, tres días antes de levar a cabo esa operación policial. No caso de que existise un delito de revelación de segredo -cousa que non sucedeu, porque o caso foi arquivado por outro xuíz- cometeuno un axente da Ertzaintza e nunca o informador, que se limitou a solicitar información veraz a través das súas fontes para transmitila.

A FeSP condena estas prácticas e lamenta que o Goberno vasco non teña inconveniente en intentar coñecer as fontes dun xornalista para investigar un asunto interno.

MADRID
FESP