A FIP cifra en 155 os xornalistas e colaboradores asasinados en 2006

A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) cualificou o ano 2006 como "tráxico" para os medios de comunicación, cunha cifra marca de 155 xornalistas e as súas colaboradores vítimas de homicidio e asasinato ou mortos en circunstancias sen aclarar.
"Os medios fixéronse máis poderosos e o xornalismo fíxose máis perigoso", afirmou nunha nota o secretario xeral da FIP, Aidan White, quen denunciou a persecución e a brutalidade sen precedentes contra a prensa, así como a impunidade dos responsables destas mortes.

Segundo White, a FIP inclúe na cifra de vítimas tanto ós xornalistas como ós seus colaboradores, entre eles intérpretes e condutores.

O maior número de mortos produciuse en Iraq, onde 68 membros dos medios caeron en atentados terroristas ou foron vítimas de erros militares, o que eleva a 170 a cifra de xornalistas e colaboradores falecidos nese país desde a invasión estadounidense de abril de 2003, segundo a FIP.

Porén, no 2006 a maioría das vítimas en Iraq foron causadas por terroristas e grupos sectarios que converteron as rúas de Bagdade e da maioría das grandes cidades en intransitables para a prensa.

En Latinoamérica, en particular en México, Colombia e Venezuela, a violencia cobrouse as vidas de 37 profesionais da prensa, mentres que en Asia a cifra foi de 34, a maioría en Filipinas e Sri Lanka.

México foi o país latinoamericano máis perigoso, coa morte de 10 reporteiros que investigaban crimes e casos de corrupción, engadiu a FIP.

A impunidade nestes crimes non se limita ás zonas de conflito, sinalou a FIP, que lembrou o asasinato o pasado 7 de outubro da xornalista rusa Anna Politkovskaya, moi crítica coa política do presidente ruso, Vladimir Putin, en Chechenia.

Segundo a Federación, que agrupa a máis de 500.000 profesionais de 100 países, desde que Putin chegou ó poder en Rusia fai sete anos foron asasinados uns 40 xornalistas sen que os seus casos fosen aínda resoltos de forma satisfactoria.

A única noticia positiva no 2006 foi a condena sen precedentes feita a finais de ano pola ONU contra a persecución da prensa e o seu chamamento para que os responsables sexan levados ante a Xustiza, engadiu a nota da FIP.

Ademais dos 155 xornalistas e colaboradores que caeron vítimas da violencia, outros 22 reporteiros pereceron en accidentes durante o exercicio da súa profesión en 2006, segundo o informe da FIP, titulado 'O xornalismo baixo a espada' e que será publicado na súa totalidade a mediados de xaneiro.

Segundo a organización Reporteiros Sen Fronteiras, no 2006 morreron no exercicio da súa profesión ou por expresar as súas opinións polo menos 81 xornalistas en 21 países.

BRUXELAS
EL MUNDO / EFE