A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solidarízase con Delfín Mocache Massoko e pide respecto á liberdade de prensa en Guinea Ecuatorial

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas condena as ameazas e presións ao xornalista Delfín Mocache Massoko, un novo exemplo dos continuos ataques á liberdade de prensa en Guinea Ecuatorial.

Delfín Mocache Massoko é un xornalista ecuatoguineano residente en España desde 2004. Ese mesmo ano funda en Valencia Diario Rombe, un medio dixital que se destacou por informar da corrupción do réxime do seu país e outros asuntos silenciados en Guinea Ecuatorial.

O seu traballo como xornalista reportoulle querelas, ameazas de morte e ataques desde sectores ligados ao réxime ecuatoguineano. Nas últimas semanas, no que semella unha resposta á investigación realizada por medios de varios países sobre a presunta corrupción de Gabriel Mbega Obiang, fillo do ditador Teodoro Obiang e actual ministro de Hidrocarburos, foi lanzada unha nova campaña de desprestixio contra este informador.

Iniciada polo bufete de confianza de Teodoro Obiang, Centurion Law Group, esta campaña tenta relacionar a Mocache, o Diario Rombe e mesmo a organización de xornalistas de investigación Organized Crime and Corruption Reporting Project, con supostas prácticas ilegais. O seu punto culminante foi a publicación dun chío por parte de NJ Ayuk, presidente de Centurion e da Cámara Africana da Enerxía, moi próximo ao réxime de Obiang, que ameazaba con interrogar e encarcerar a Mocache.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas condena estas intolerábeis ameazas e reclama ao gobierno ecuatoguineano que cesen inmediatamente todos os ataques á liberdade de información neste país. Así mesmo, lembra ao goberno español que a súa responsabilidade, como antiga potencia colonial, é contribuír a pór as bases dunha verdadeira sociedade democrática en Guinea Ecuatorial, para o que é imprescindíbel o respecto á liberdade de prensa.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

La Red de Colegios Profesionales de Periodistas se solidariza con Delfín Mocache Massoko y pide respeto a la libertad de prensa en Guinea Ecuatorial