A TIC colabora coa Asociación Provincial de Hostalería na difusión do 13 Concurso de Tapas de Lugo

Presentación do 13 Concurso de Tapas de Lugo (Foto: Fundación TIC)

A Fundación TIC elaborou o vídeo promocional da cita gastronómica que se desenvolve en Lugo durante o mes de setembro coa participación de 40 establecementos de hostalería.

A Fundación TIC da Deputación de Lugo colabora na difusión do XIII Concurso de Tapas de Lugo coa realización dun vídeo promocional deste evento gastronómico que se celebra durante o mes de setembro coa participación de 40 establecementos hostaleiros da cidade de Lugo.

O patrón da TIC Álvaro Santos explicou que a elaboración deste vídeo “forma parte do  convenio de colaboración que mantén a entidade coa Asociación Provincial de Hostalería de Lugo para apoiar a difusión das actividades que desenvolve a prol deste sector, tan importante na economía e no emprego da nosa provincia, e máis en concreto da cidade de Lugo”.

O audiovisual, que se pode ver tanto na web da Asociación como nas redes sociais, inclúe información do concurso, como as datas de celebración, do 1 ao 17 de setembro e a fase final, do 22 ao 24. Tamén aparecen nel os distintos locais participantes no concurso e a súa localización no mapa da cidade.

O Concurso de Tapas de Lugo, que organizan a Asociación Provincial de Hostalería e o Concello de Lugo, premia a creatividade e o bo facer nun sector como é o gastronómico que constitúe un dos grandes atractivos da cidade de Lugo, como reflicte o coñecido lema “...E para comer, Lugo”.

A TIC co tecido asociativo de Lugo

A realización do vídeo promocional do 13 Concurso de Tapas de Lugo é froito dun acordo subscrito coa Asociación Provincial de Hostalería de Lugo que se engade aos máis de 170 convenios que a TIC mantén con asociacións, ONGs, agrupacións culturais e veciñais, e con entidades deportivas para dar a coñecer o labor que desenvolve o tecido asociativo da provincia.

Ademais, estes traballos audiovisuais serven de plataforma para que  aos alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC teñan a oportunidade de completar a súa formación teórica coa realización de prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.

FUNDACIÓN TIC