A Xunta presenta un novo portal que facilita a interacción co voluntariado

Un novo portal de Internet para facilitar a "interacción" entre a Xunta e o movemento asociativo galego e que sirva de "punto de encontro para todo o voluntariado", foi presentado onte polo director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta, Rubén Cela.
O caso é que as propias entidades que traballan neste ámbito reprocharan, ou criticaran, que o Goberno galego tivese unha páxina web peor que moitas destas organizacións, polo que Vicepresidencia se puxo mans á obra para elaborar o portal que agora se pon en funcionamento, e que pretende achegar todo tipo de información sobre formación, unha axenda con todos os eventos relacionados co voluntariado, e ofrece diferentes opcións de asesoramento, novidades, normativa e os proxectos e programas que xiran en torno a este tema.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, explicou onte que as principais novidades que se incorporan son a posibilidade de acceder á normativa, a posibilidade de realizar cursos on-line ou semipresenciais, aínda que "en asuntos sociais moitos teñen que ser presenciais" e unha comunidade virtual.

Esta comunidade estará integrada por ata 669 entidades que traballan a acción voluntaria, das cales en torno a 50 xa se integraron neste portal. Deste modo, achégase unha completa base de datos que permite ás propias organizacións ir actualizando os seus datos.

Obxectivo

Ademais destas novidades, un dos obxectivos de Xuventude é "facer a axenda máis completa de solidariedade", que englobe tanto información referente a Galicia como ó Estado e ó ámbito internacional.

Así mesmo, incorpórase ó portal unha videoteca que mostrará algunhas das actividades que se organizan e permitirá escoitar e ver, entre outras cousas, relatorios do último congreso de voluntariado.

A web www.voluntariadogalego.org dará resposta ás consultas que reciba nun prazo de 48 horas, algo moi demandado polas organizacións, en período de presentar documentación para acceder ás subvencións, entre outras cousas.

EL IDEAL GALLEGO/AXENCIAS
SANTIAGO DE COMPOSTELA