Algo vai mal

Nada máis cumpre vinte anos a celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, dato indicativo da serodia construción de diques de contención fronte aos poderosos e ben mandados axentes de sempre, decididos a controlar, e mesmo presionar ou anular, calquera soporte da comunicación.
Vale dicir anular o dereito á información e á liberdade de expresión, referentes da sociedade democrática e principios dos que é depositaria a cidadanía toda. Algo avanzamos nestas dúas décadas, mais o lema escollido pola ONU e a UNESCO para este ano -Falar sen risco. Polo exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios- é revelador de que algo vai mal, como diría Tony Judt. Imos atrasados na defensa destes dereitos fundamentais -conquistas esforzadas e non concesións graciosas- sempre sometidos, condicionados e ameazados, aínda nos espazos máis formalmente garantistas. "Dereito fundamental de por si, a liberdade de expresión crea ademais as condicións necesarias para a protección e promoción de todos os demais dereitos humanos. Pero non se exerce automáticamente; require un entorno seguro propicio para o diálogo no que todos poidan falar libre e abertamente, sen medo ás represalias", lembran as organizacións citadas.

Foi longo e duro o camiño percorrido. É longo e ben adverso o que se vive, sofre e adiviña por parte de todos e todas as xornalistas, e nomeadamente dos/as que están intentando renovar unha profesión imprescindible. Longo e adverso camiño, rodeado por unha incompleta cobertura legal e sacudido por unha crise económica que tampouco non deixa de servir como pretexto para agravar ata límites case insoportables a precariedade realmente existente tamén nos anos de bonanza. O pretexto da crise sistémica, de firmes ancoraxes, propicia, asemade no hipersector da comunicación, salarios miserables, inestabilidade laboral, expedientes de regulación, despedimentos e concentracións mediáticas, que deixan baixo mínimos as redaccións, acentúan a centralización e degradan o mellor desempeño profesional.

Na era da aparente opulencia informativa, do desenvolvemento do Cuarto Medio e da multiplicación das redes sociais, os efectos e a xestión da crise económica ameazan de facto o desenvolvemento de conquistas sociais en forma de dereitos e liberdades e, de xeito moi directo, a liberdade de expresión. Ameazados están os medios de titularidade privada, perdido e non substituído o seu modelo de negocio, e tamén os de titularidade pública, sometidos ás veleidades e os acenos privatizadores do poder político e moi lonxe de ser, como deberan, os defensores do "negocio" colectivo da cidadanía.

No medio dese mar embravecido está unha cidadanía cada vez máis depauperada e escéptica e estamos os/as xornalistas tamén baixo o impacto do paro que non cesa e cun horizonte de inestabilidade e incertezas, do que derivan preocupantes efectos paralizadores. Mais é nestas circunstancias cando debemos reaccionar persoal, colectiva, colexiadamente para cambiar este magoante estado de cousas.

Escribo este manifesto no ano que sinala catro décadas da miña ininterrompida actividade profesional. Un longo período de adaptación e aprendizaxe permanente, niso consiste tamén o xornalismo, que non estivo exento de limitacións e carencias, mesmo legais, nin de sombras proxectadas desde o franquismo demorado. Quero, porén, quedar co brillo dalgunhas luces, que tamén houbo -xa no marco das liberdades democráticas e a autonomía- na confianza de que nos axuden a poñer en pé algunha esperanza, algún decidido impulso comunal entre tantas e tan duras adversidades. Desexo que sexa visible e gañe posicións o compromiso profesional dos/as xornalistas capaces de traballar activamente na procura da información veraz, crítica e libre á que ten dereito a cidadanía, máis alá da banalización, a espectacularización e outras ruidosas e calculadas propostas perversamente manipuladoras non só no ámbito audiovisual. Todo facerá falta desde os compromisos individuais e colectivos libre e responsablemente asumidos, e coa imprescindible tutela dos poderes públicos, para garantir o exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios. Para garantir aceptables e dignas condicións de traballo necesarias para a independencia de xornalistas e medios. Para garantir o bo desenvolvemento da vida pública e a plenitude do sistema democrático. Para facer posible tamén a promoción e a proxección da lingua e a cultura de noso no ancho, e alleo, escenario da mundialización.

Con esa esperanza vai tamén a miña homenaxe máis sentida para os/as xornalistas que perderon a vida no cumprimento do seu deber, para os/as que traballan baixo o impacto de explícitas ou tácitas ameazas e para os/as que, amantes da verdade e da liberdade, son quen de contarnos día a día, a pesar de todo, as cousas que pasan na rúa e que resultan ser socialmente significativas. Eles/as ensanchan os nosos horizontes de liberdade como xornalistas e cidadáns e fan posible algo de luz nestes tempos sombríos. Teño a certeza de que eses/as xornalistas, consciente, responsable e libremente, han contribuír a corrixir, sequera en parte, tan negativo estado de cousas. Han ser capaces de facer que as cousas poidan ir un pouco menos mal.

Saúde compañeiros/as e bo traballo ao servizo da cidadanía que conforma unha sociedade aberta, plural e democrática. En defensa da liberdade.

Xosé María García Palmeiro
Exdecano do CPXG (2000-2004)