Ampliado até o 17 de abril o prazo para votar no XVI Premio Couso

Debido á actual situación provocada pola crise da COVID-19, a comisión do XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa decidiu ampliar dúas semanas o prazo para escoller a candidatura gañadora do XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Até o 17 de abril ás 14:00 horas os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poderán votar entre as candidaturas de Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá.

Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá son as candidaturas propostas para esta XVI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Todos eles distinguíronse pola súa defensa da liberdade de prensa e foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. 

Até as 14:00 horas do 17 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.galindicando os seus datos (nome, numero de dni e numero de socio). O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As quince edicións anteriores foron para Defende A Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

WEB DO PREMIO COUSO

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia