Ana Romaní, Premio Nacional de Xornalismo Cultural

A xornalista da Radio Galega e colexiada do CPXG Ana Romaní vén de ser galardoada co Premio Nacional de Xornalismo Cultural. O xurado concedeulle o galardón "pola súa longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios”, así como pola "súa visión de feminismo crítico e compromiso social”.

Nada en Noia en 1962, Ana Romaní ten unha longa traxectoria no ámbito periodístico, ademais de ser poeta e escritora. Comezou na profesión en  1983, participando da creación da revista Carabela de Xiada. A partir de 1988 a súa carreira estará centrada na radio, comezando en La Viborona de Radio Nacional de España. Dirixiu o Diario Cultural da Radio Galega desde 1990 ata o outono de 2018, no que desapareceu o formato orixinal do programa.

O Premio Nacional de Xornalismo Cultural tenta recoñecer o labor de profesionais do xornalismo e de institucións que, coas súas obras ou a través da participación activa en diversos ámbitos da creación artística ou literaria, fomentan as actividades culturais contribuíndo con iso ao enriquecimiento do patrimonio cultural de España. Establecido no 2009, os premiados en edicións anteriores foron Jacinto Antón, Fabricio Caivano, Ana Borderas, Juan Cruz, Antón Castro, Diego A. Manrique, Ana Mendoza, Jaume Figueras e Blanca Berasátegui.

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, transmitiulle á galardoada, no seu propio nome e no da Xunta de Goberno, as felicitacións por este merecido recoñecemento que vén a premiar unha extensa carreira de dedicación ao xornalismo. 

CPXG