Antonio Asensio resalta o relevante papel dos medios dixitais

Nunha entrevista concedida á Revista Man, Antonio Asensio Mosbah, vicepresidente Executivo de Grupo Zeta, móstrase seguro de que, aínda que en futuro dos medios pase pola Rede, este formato non eliminará do mapa mediático ó papel. Considera que Internet suporá "un filtro de calidade, polo que non pasarán os medios que non estean ben posicionados".
Así, segundo Asensio, a Rede non debería acabar "cos diarios innovadores, que teñan unha fórmula distinta e acheguen valor engadido, pero
haberá unha limpeza importante".

"Os datos que temos de lectura de Internet de xente moza versus papel indican que a rede está a adquirir moito peso. É o medio de comunicación que máis rápido medrou con moita diferenza.Un elemento vivo onde cada día saen tres ou catro periódicos novos, webs novas… iso non é comparable
coa telefonía móbil, nin coa prensa ou a televisión". Segundo Asensio "a televisión por Internet vaise implantar e quen non a desenvolva non terá unha web competitiva".

En canto ó tipo de estratexia publicitaria en medios dixitais considera o banner como "unha fórmula anticuada, que quedará como algo residual, pero cando tes a audiencia pegada a un elemento, a publicidade remata chegando. Imos ver desenvolverse fórmulas publicitarias moito máis interesantes que o banner".

Prensa gratuita

En relación cos gratuítos e o posicionamento do Grupo Zeta neste segmento, apunta Asensio que cando irrompeu a prensa gratuíta "cometemos o erro de infravalorarla, tal vez por defender a prensa de pagamento".

"Pero despois tomamos a decisión de entrar como accionistas do líder, que é 20 minutos, un dos diarios máis lidos deste país, e estamos moi contentos desa decisión, porque nos permitiu chegar a lectores que antes non tíñamos", engade Asensio.

Asimesmo, apunta que "o debate pagamento-gratuítos é confuso. Os optimistas da comunicación pensan que, cando a un lector lle dás un gratuíto de forma continuada, quere máis e tende a mercar o periódico de pagamento. E aínda que iso aínda non se demostrou, tampouco se demostrou claramente que os gratuítos quiten lectores ós periódicos de pagamento".

XORNAL
A CORUÑA