As privadas pídenlle ó Goberno que reduza a publicidade de TVE

As televisións privadas reclamáronlle ó Goberno que o contrato-programa que debe subscribir con RTVE para fixar a subvención da corporación inclúa unha limitación extra da publicidade.
Piden que fronte ós 12 minutos por hora que rexen actualmente para todos os operadores (públicos ou privados), TVE só poida emitir 9 minutos.

Alejandro Echevarría, presidente de Uteca (a entidade que agrupa ás seis televisións comerciais estatais) e de Tele 5, lembrou que esta restrición foi comprometida polo xefe do Executivo, José Luis Rodríguez Zapatero, en xuño de 2005.

"Non estamos a pedir nada excepcional. En todos os países da Unión Europea as televisións públicas teñen moi limitada a publicidade ou prohibida, precisamente para que as televisións privadas poidan desenvolverse", xustificou Echevarría.

O presidente de Uteca amosouse a favor da lei Xeral Audiovisual que prepara o Goberno e do Consello Estatal dos Medios Audiovisuais. Tele 5 deu un xiro radical nesta dirección e aplaude a existencia dun regulador "que non se meta nos contidos".

EL PAÍS
R.G.G.
MADRID