Centenario do nacemento de 'Borobó'

Raimundo García Domínguez, 'Borobó'

Este 10 de xullo cúmprese o centenario do nacemento de Raimundo García Domínguez, Borobó. Figura central do xornalismo galego e mestre de moitos profesionais, o Concello de Pontecesures realizaralle unha homenaxe na súa casa natal. 

Este vindeiro domingo 10 de xullo fanse cen anos do nacemento de Raimundo García Domínguez. Máis coñecido como Borobó, aínda que tamén usou outros nomes como os de Raimundo Lozano, J. Sierra) ou Anxel Novo, o de Pontecesures foi, nas palabras do primeiro decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé María García Palmeiro, "un dos grandes do xornalismo galego e non galego do século XX".

Borobó comezou o seu labor xornalístico durante a guerra, asinando en 1937 os seus primeiros artigos na revista artilleira Estímulo. Rematada a contenda, tras pasar case un ano nun campo de concentración e dous e medio no servizo militar, retoma a profesión traballando desde Madrid en publicacións como Finisterre, El Español, La Estafeta Literaria, Fantasía ou Madrid.

En febreiro de 1946 nace o xornal compostelán La Noche, co que colaborará desde o principio, e ese mesmo ano volve a Galicia para facerse cargo da súa dirección. Dirixirá tamén El Correo Gallego, do mesmo grupo editorial, e fundará a revista Chan en 1969. Posteriormente trasládase a Madrid como subdirector do primeiro diario económico 3E, e ingresará na Axencia Efe, da que foi redactor xefe e responsable de Documentación até a súa xubilación. Colaborou tamén con outras publicacións como ABC, ArribaEl ImparcialInformaciones, Pueblo, El País, El Sol, La Tarde ou La Vanguardia.

Con motivo do centenario, o Concello de Pontecesures programa este domingo unha homenaxe, na que participarán familiares de Borobó e personalidades do mundo da cultura como o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Ademais, a Deputación de Pontevedra e o Concello anunciaron o pasado abril que están a preparar un premio xornalístico na memoria de Raimundo García Domínguez.

CPXG

El Correo GallegoDestacan o papel de Borobó nunha homenaxe en Cesures
Faro de Vigo: Alonso Montero sitúa a "Borobó" como un dos grandes xornalistas do século XX