Este luns, o terceiro obradoiro no IES Auga da Laxe pecha o programa de Xornalismo na Escola “la Caixa”

O IES Auga da Laxe de Gondomar acolle o vindeiro luns 14 de maio o último taller da terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

A terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, regresa este luns 14 de maio ao concello da comarca de Vigo para seguir a mostrar o xornalismo desde outro punto de vista. 
    
O IES Auga da Laxe acollerá un obradoiro de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, impartido polo xornalista  Emilio Gómez Álvarez, entre as 17:00 ás 18:40 horas e dirixido ás aulas de 3º da ESO. O alumnado do concello xa ten recibido dous talleres de 'Xornalismo na Escola "la Caixa"' no IES Terra de Turonio e dous máis no IES Auga da Laxe.

O alumnado do  IES Auga da Laxe terá a oportunidade de participar este luns nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que chegaron a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartiron talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas trataron de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos trataron temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG