Grupos de liberdade de prensa apoian ó xornalista José Luis Gutiérrez no Tribunal de DDHH de Estrasburgo

O Comité Coordinador de Organizacións de Liberdade de Prensa (CCPFO) de nove grupos internacionais de liberdade de prensa aprobou por unanimidade unha resolución que apoia ó xornalista español José Luis Gutiérrez se é o caso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) por acoso xudicial durante máis dun decenio nos tribunais españois.
Fai once anos, José Luis Gutiérrez foi acusado de violar o "dereito a manter a súa honra" do rei Hassan II de Marrocos, despois de que o periódico que dirixía, 'Diario 16', publicase unha noticia acerca do comiso de cinco toneladas de haxix dentro dun vehículo que pertencía á Coroa marroquí. Aínda que a noticia citaba fontes policiais e resultou ser exacta, o acusado foi encontrado culpable e sentenciado por catro tribunais españois, incluindo o Tribunal Supremo.

Tendo esgotado todas as medidas legais en España, Gutiérrez presentou o seu caso ó Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) co respaldo da CCPFO.

O caso é "un precedente moi perigoso que permite que os xornalistas en países democráticos sexan silenciados polos líderes de gobernos autocráticos", afirma a resolución do CCPFO, e o TEDH deberá "declarar o caso anulado".

Sete dos nove membros do CCPFO tamén emitiron un informe en calidade de "conselleiro do tribunal" ó TEDH a favor de Gutiérrez, no que instan ó tribunal a eliminar as dúas leis que se usaron para o acusar.

Entre os signatarios do informe están o Committee to Protect Journalists (Comité para a Protección dos Xornalistas, CPJ), a Asociación Internacional de Difusores, a Federación Internacional da Prensa Escrita, o International Press Institute (Instituto Internacional de Prensa, IPI), a Sociedade Interamericana de Prensa, a Asociación Mundial de Periódicos e o World Press Freedom Committee (Comité Mundial pola Liberdade de Prensa, WPFC).

O Sindicato de Prensa da Comunidade Británica de Nacións e a Asociación de Difusores de Norteamérica tamén forman parte do CCPFO.

PERIODISTAS-ES
MADRID