Hoxe se entrega o III Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Os actos de conmemoración do Premio José Couso de Liberdade de Prensa celebraranse esta tarde en Ferrol e a eles asistirán Maribel e Rafael Permuy, nai e tío do cámara ferrolán. A Real Filarmonía de Galicia pechará o evento cun concerto no Teatro Jofre
A entrega do III Premio José Couso de Liberdade de Prensa celebrarase esta tarde ás 20.00 horas no Teatro Jofre de Ferrol, tras a Ofrenda Floral na escultura Ás Ceibes e a lectura do manifesto, a cargo da xornalista Eva Veiga, que terán lugar no Cantón de Molíns ás 19.00 horas. Maribel e Rafael Permui, nai e tío de José Couso, estarán presentes nos actos de homenaxe, que serán presidido pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

A xornada de conmemoración rematará cun concerto da Real Filarmonía de Galicia pola liberdade de prensa ás 20.30 horas, con pezas de Andrés Gaos e Beethoven.

Nesta ocasión o gañador do premio é o xornalista norteamericano Jon Lee Anderson, cronista do New Yorker. Nas edicións anteriores os premiados foron o xornalista marroquí Ali Lmrabet e o xornal francés Le Monde Diplomatique.

Homenaxe aos xornalistas da dictadura

Nesta terceira edición do Premio José Couso rendirase tamén homenaxe aos máis de sesenta xornalistas mortos e desaparecidos durante os anos de dictadura de Pinochet en Chile, "unha maneira de que a memoria lle gañe á morte", segundo Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso de Liberdade de Prensa.

O Premio José Couso de Liberdade de Prensa está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) , o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova e foi creado en memoria do cámara ferrolán José Couso, disparado no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5.