Intensa actividade de Xornalismo na Escola "la Caixa" a vindeira semana con doce talleres na Coruña, Ourense, Lousame, Padrón e Monforte

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o 12 de febreiro de 2020 no IES de Catabois en Ferrol

A semana que vén, a actividade de 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, acelérase con distintos obradoiros en centros de ensino da Coruña (luns 17, martes 18, mércores 19 e xoves 20), Ourense (martes 18 e xoves 20), Lousame (martes 18), Padrón (martes 18), e Monforte de Lemos (xoves 20).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita a semana que vén o IES Agra do Orzán e o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o IES As Lagoas de Ourense, o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, o IES Macías o Namorado de Padrón e  o IES Río Cabe de Monforte de Lemos. En concreto, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 
 
  • Luns 17 no IES Agra do Orzán, entre as 10:30 e as 12:10 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
  • Martes 18 no IES As Lagoas de Ourense, entre as 09:20 e as 11.00 horas e entre as 11:30 e as 13.10 horas. Imparte os obradoiros Edith Filgueira Rodríguez.
  • Martes 18 no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, entre as 10:00 e as 11:35 horas. Imparte o obradoiro Olaia Tubío Rei.
  • Martes 18 no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, entre as 10:30 e as 12:10 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
  • Martes 18 no IES Macías o Namorado de Padrón, entre as 12:30 e as 14:00 horas. Imparte o obradoiro María Rodiño Pérez.
  • Mércores 19 no IES Agra do Orzán, entre as 12:30 e as 14:10 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
  • Xoves 20 no IES O Couto de Ourense, entre as 08:30 e as 10.10 horas e entre as 11:30 e as 13.10 horas. Imparte os obradoiros Edith Filgueira Rodríguez.
  • Xoves 20 no IES Río Cabe de Monforte, entre as 8:45 e as 10:25. Imparte o obradoiro Xavier López Quiroga.
  • Xoves 20  no IES Macías o Namorado de Padrón, entre as 09:30 e as 11:00 horas. Imparte o obradoiro María Rodiño Pérez
  • Xoves 20 no IES Agra do Orzán, entre as 12:30 e as 14:10 horas. Imparte o obradoiro Manuel Guisande.
 
Os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Castro Silva, ademais de ser licenciado en Xornalismo, ten o dobre mestrado en Profesorado e Comunicación Transmedia e traballou nas redaccións da Radio Galega, Luzes, a Axencia Efe ou Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña. Na Axencia Efe tamén traballou Filgueira Rodríguez, cun currículo que abrangue ademais distintos labores en La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Manuel Guisande, cunha longa traxectoria como xornalista, traballou 25 anos en La Voz de Galicia e ten publicado once libros e realizado exposicións en diferentes países. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. Rodiño Pérez ten o mestrado en Formación do Profesorado ademais da licenciatura de Xornalismo, e traballou no Faro de Vigo e no El País. Por último, Tubío Rei. graduada en Xornalismo, estuda o mestrado en Xestión Cultural e traballou na Televisión de Galicia e no El Progreso
 

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG