Kiko Novoa: "Pensei que a radio debía servir máis para escoitar que para falar"

Durante cinco meses, de marzo a xullo de 2020, Kiko Novoa deulle os bos días á audiencia da Radio Galega desde a súa casa. O coronavirus obrigou a cambiar radicalmente as rutinas de traballo no Galicia por diante, o magacín matinal da radio pública, que Novoa dirixe e conduce por duodécima temporada. Durante os meses máis duros da pandemia a radio foi fonte de información e tamén a compaña coa que suplir a proximidade física prohibida. Un tempo insólito no que tamén os locutores choraron.

–Hai pouco máis de un ano da declaración do estado de alarma. Como recordas o shock de marzo de 2020? 

Naqueles días previos sabiamos que algo ía cambiar, pero non o que viría despois ou que iamos ter que facer o programa desde a casa durante tanto tempo... Foi dun día para outro, nin me deu tempo a asimilalo e os primeiros días resultou moi difícil. Mira que eu creo que xestiono bastante ben o estrés, intento non poñerme nervioso en momentos de tensión, pero acababa o programa coa cabeza como un bombo. Non polo programa en si, nin sequera pola temática, que tampouco axudaba, senón pola mecánica. Tiñamos que comunicarnos a golpe de whatsapp, case por telepatía.

–Non tiñas contacto visual co técnico de control, que estaba no estudio de San Marcos. 

E os outros compañeiros estaban tamén nas súas casas ou na rúa, sen saber moi ben qué se podía facer. Ademais tiñamos diante un acontecemento que non sabiamos como traballar. Non podes saír a facer un programa dicindo que chegou a apocalipse, aínda que era a sensación que tiñamos todos. O círculo cada vez se achegaba máis, a xente que morría xa non estaba na China ou en Italia. Empezaron os casos en Madrid, despois na Coruña, foi unha situación realmente angustiosa. Había que buscar voces que nos contasen de forma rigorosa o que estaba pasando e falar con xente que estaba pasando a enfermidade. Tiñamos conferencias de prensa todos os días informándonos de datos que eran sobrecolledores, das persoas que estaban morrendo. Intentaba non determe moito no que estaba vivindo, non sei se inconscientemente. Tiras para adiante e contas as cousas do xeito máis natural posible porque, se non, pode chegar un momento no que os acontecementos te paralicen. 

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí