Maior contacto cos xornalistas e menos notas de prensa

Administración, universidade e empresa deben usar máis o contacto persoal cos xornalistas, que ven as súas informacións pouco divulgativas. O profesor Xosé Ramón Pousa coordina un estudo que vincula a competitividade empresarial con comunicar ben.
O 98% das empresas galegas vinculan ser máis competitivas con comunicar ben. Non obstante, dentro da denominada tripla hélice (administración pública, universidade e empresa) é vista polos xornalistas como a que "peor comunica" por abusar das notas de prensa que é a canle "peor considerada" polos medios porque son "moi comerciais, falta de información e pouco divulgativas".

Así o constata un primeiro estudo sobre a 'Competitividade e a Comunicación de Galicia' realizado entre 60 empresas galegas e medio centenar de xornalistas, pola Universidade de Santiago de Compostela e a Consultura Torres y Carrera (TYC) e onde a principal conclusión que se extrae é: "menos nota de prensa e máis contacto persoal".

O director xeral de Torres y Carrera, Xurxo Torres, aconselloulles ás empresas galegas máis contacto directo, sobre todo, tendo en conta que un 45% dos consultados opina que a comunicación podería mellorar a súa situación e o 78% ven os medios como unha "oportunidade" máis que como unha "ameaza" (o 15%) para a súa proxección.

Unha visión que provoca que o 71 por cento das empresas galegas conten con departamento de comunicación propio e o 50 por cento integrado por catro ou cinco persoas, comentou o coordinador do estudo, Xosé Ramón Pousa.

GALICIA HOXE/EP
SANTIAGO DE COMPOSTELA