Máis do 70% da poboación considérase informada segundo o CIS, coa TV como medio máis usado

O avance de resultados Estudo sobre Audiencias de Medios de Comunicación Social do CIS reflicte que o 71,6% dos españois se declaran como bastante ou moi informados, escollendo para facelo principalmente a televisión, seguida da prensa, as redes sociais e a radio. Os medios tradicionais, porén xeran bastante ou moita confianza a máis dun 80% da poboación, mentres que máis do 70% desconfían da información recibida polas redes.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) vén de facer público o avance de resultados do seu Estudo sobre Audiencias de Medios de Comunicación Social, correspondente aos meses de setembro-outubro de 2023. A enquisa, de ámbito estatal, foi realizada a partir de 27.433 entrevistas a maiores de 18 anos de ambos sexos, e reflicte que un 55% dos españois se considera bastante informado e un 16,6% pensa que está moi informado. Entre os medios para informarse, o favorito é a televisión, que utilizan o 69,8%, seguido dos xornais que consultan o 55,1% dos enquisados. Por debaixo do cincuenta por cento de uso atópanse as redes sociais (44,1%) e a radio (43,5%), seguidos a longa distancia doutro tipo de medios.   

O 56,3% das persoas enquisadas declaran que len algún xornal habitualmente, e algo menos da metade deles (44,4%) citan El País como un dos que consultan, seguido de lonxe por El Mundo (28,7%), o ABC (15,2%), La Vanguardia (13,1%) ou eldiario.es (10,3%). Entre as cabeceiras galegas, as máis citadas son La Voz de Galicia (5,4%), Faro de Vigo (1,6%), El Progreso (0,6%), La Región (0,4%), El Correo Gallego (0,3%) e Diario de Pontevedra (0,2%). Como xornal principal consultado, un 23% dos que consultan habitualmente a prensa escollen El País, e La Voz de Galicia colócase na sexta posición, sendo o preferido do 4,1%. O 60,1% din ler o xornal todos ou case todos os días e ao 82,2% a prensa lle merece moita (20,8%) ou bastante confianza (61,4%).

No que respecta á televisión, máis dun terzo (67,2%) aseguran seguir os programas informativos, e as canles máis utilizadas son Televisión Española (48%), seguida moi de preto por Antena 3 (47,1%) e, xa máis lonxe, por outras canles xeneralistas estatais como La Sexta (31,3%) e Telecinco (23%). Un 1,5% das persoas que seguen a información televisiva declaran ver a Televisión de Galicia (un 0,9% como cadea principal), sitúandose por baixo doutras canles autonómicas como TV3, Canal Sur ou ETB2, A televisión ten tamén un alto índice de confianza, cun 21,7% que declaran ter moita confianza neste medio e un 58,5% bastante. 

Un 61,3% das persoas enquisadas aseguran tamén escoitar habitualmente a radio, coa Cadena SER (38,7%), a Cadena COPE (28,4%), Onda Cero (21,2%) e Radio Nacional de España (11,5%) como emisoras máis citadas. Entre as radios de ámbito autonómico galego aparecen no estudo a Radio Galega (escoitada por un 0,6% dos radioouvintes) e Radio Voz (por un 0,1%). Entre os que escoitan a radio habitualmente, o 56,5% din facelo todos ou case todos os días, e mais da metade din escoitar as tertulias políticas habitualmente ou sempre que poden. Ao 32,7% dos ouvintes os informativos radiofónicos lles xeneran moita confianza, e ao 57,1% bastante.

Finalmente, entre as redes sociais, utilizadas por un 84,4% das persoas enquisadas, as máis usadas son Instagram (polo 56%), Facebook (47,7%) e Twitter/X (42,9%). O nivel de confianza na información das redes, porén, é moi baixo: ao 71% dos enquisados lles xera pouca ou ningunha confianza, e apenas un 2,5% declara ter moita confianza nela.  

CPXG