O Colexio de Xornalistas aplaude o uso de linguaxe inclusiva para referirse ao Consello de Ministras

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere felicitar a todos os medios que usaron a linguaxe inclusiva ao referirse ao novo Consello de Ministras e Ministros e convida a toda a profesión a sumarse á visibilización das mulleres nas redaccións das informacións. 

O Colexio de Xornalistas aplaude o feito de que numerosos medios utilizaran expresións inclusivas para referirse ao Goberno de España, logo de que o novo gabinete dese un paso histórico en prol da visibilización das mulleres ao usar a expresión "Consello de Ministras e Ministros" no acto de toma de posesión.

A lingua non é un elemento inmutábel no tempo, senón que evolúe e se adapta para dar resposta ás mudanzas entre a poboación que fai uso dela. Neste sentido, os avances nunha sociedade igualitaria van estar necesariamente acompañados da aparición de estratexias lingüísticas que favorezan a visibilización das mulleres. Os medios de comunicación non poden ser alleos a estes cambios que xa están a producir na nosa contorna e terán que estar abertos á utilización cada vez maior da linguaxe inclusiva.

Por outra banda, o uso dunha linguaxe non sexista non implica, obviamente, nin perda de claridade no discurso nin subversión das regras gramaticais. Existen numerosas solucións inclusivas perfectamente válidas dentro da nosa lingua, que van desde o desdobramento ao uso de xenéricos e colectivos, pasando pola alternancia entre o feminino e o masculino xenéricos. O Colexio de Xornalistas recomenda ao conxunto da profesión acudir aos manuais existentes, como os Criterios de linguaxe non sexista publicados pola USC, e avanzar, coa nosa sociedade, no uso de expresións que nos inclúan a todas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia