O Colexio de Xornalistas denuncia o trato recibido por un fotógrafo do diario El Correo Gallego detido e expulsado de Marrocos cando viaxaba como turista

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia o trato dispensado polas autoridades marroquís ao fotoxornalista Fernando Blanco no aeroporto de Marrakech. Tras indicar na documentación do visado a súa profesión de fotógrafo foi detido, retiráronlle o pasaporte sen explicación algunha e negándolle o dereito a realizar unha chamada á Embaixada de España.
A Xunta de Goberno lamenta que se produzan situacións de indefensión cara a profesionais dos medios de comunicación, que ven cercenados os seus dereitos polo mero feito de pertencer a este colectivo. Tal foi o caso do fotoxornalista do diario El Correo Gallego, Fernando Blanco, que foi expulsado de Marrocos sen explicación ningunha.

Fernando Blanco viaxou onte como turista coa súa parella a Marrakech procedente de Porto. Tras cumplimentar a documentación do visado foi retido polas autoridades marroquís en dependencias do aeroporto e obrigado a permanecer separado da súa acompañante, quen xa obtivera o visado e que posteriormente lle foi anulado. Tras retirarlle o pasaporte indicáronlle que non podía entrar no país. Tivo que ser a compañía aérea na que viaxaba a que se fixo cargo da situación, trasladando tanto ao fotógrafo como á súa parella de novo a Porto.

A Xunta de Goberno do CPXG vai trasladar á Embaixada o seu malestar polo trato recibido por este fotoxornalista.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia