O Colexio de Xornalistas lamenta a decisión de Editorial La Capital de aplicar un ERE temporal nos seus cinco xornais

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta a decisión de Editorial La Capital de aplicar un expediente de regulación de emprego (ERE) dun ano de duración nas súas cinco cabeceiras: El Ideal Gallego, DxT Campeón, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños.
Como entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos, o Colexio mostra a súa preocupación ante o paso dado pola empresa, comunicado a pasada semana ao comité de empresa e do que onte se iniciou o período de consultas preceptivo legalmente.

A aplicación dun ERE, alegado pola compañía debido a situación económica do grupo, afectará á práctica totalidade dos traballadores. No caso dos xornalistas, o ERE afectará a doce ou trece xornadas de traballo ao mes durante un ano, segundo a proposta remitida pola compañía ao comité de empresa.

O Colexio de Xornalistas manifesta o seu malestar polo que o ERE suporá para os traballadores de Editorial La Capital, tanto en empeoramento laboral e salarial como en calidade de vida, e para os lectores dos cinco medios, por canto danará á calidade do produto que se lles ofrece. O CPXG demanda da empresa que busque a saída que menos dane aos seus traballadores.

O CPXG reitera unha vez máis que a información non é algo que se poda elaborar mediante procesos industriais que abaratan custes e man de obra (ou si, pero entón non é información). Sigue dependendo, para que siga sendo de calidade, de que a fagan os mellores profesionais posibles, coa mellor motivación e a maior entrega.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia