O Colexio de Xornalistas lembra a necesidade de respectar as recomendacións sobre casos que afecten a menores

Ante o tratamento informativo que se lle está a dar ao caso do neno Gabriel, tristemente falecido, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas quere lembrar as recomendacións relativas a casos de traxedias que afecten a menores, e chamar ao conxunto da profesión galega a tratar con coidado e respecto este tipo de informacións. 

O Colexio de Xornalistas ten insistido en numerosas ocasións na necesidade dun tratamento axeitado deste tipo de noticias, e publicado varias recomendacións que son de utilidade para un caso como este, como as Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores, a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas ou a Guía práctica para o tratamento informativo sobre menores

É importante que os e as xornalistas sigan este tipo de recomendacións para facer un tratamento informativo profesional, responsábel e xusto, que non caia na espectacularización, respecte a intimidade das vítimas e persoas afectadas, sen engadir máis dor á dor, e evite a aparición de mensaxes socialmente irresponsábeis.

Neste sentido, parece necesario lembrar tamén que as persoas acusadas dun feito delictivo non teñen suspendidos os dereitos que recoñece o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego para toda a cidadanía.A proliferación de especulacións, a obtención de imaxes de maneira dubidosa ou a inclusión de características étnicas ou de nacionalidade irrelevantes non son compatíbeis co bo xornalismo. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia