O Colexio de Xornalistas manifesta a súa preocupación pola reiterada vulneración dos principios éticos da profesión

Nas últimas semanas, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia observa con preocupación a reiterada vulneración dos principios éticos da profesión e insta a tódolos medios a exercer un xornalismo responsable.

En momentos de tensión social -coma os derivados do conflito catalán ou da vaga de lumes do pasado día 15-, os medios e xornalistas galegos debemos ser conscientes máis que nunca do alcance dos contidos informativos e das opinións que difundimos. A nosa obriga como profesionais responsables e ao servizo da sociedade é ofrecermos informacións veraces, completas, imparciais e contrastadas. As declaracións non son información en si mesmas, senón opinión de parte que deben ser contrastadas. E se transmitimos opinións propias a través dos medios ou das redes sociais, deberemos facelo sempre separadas da información e deberían ser emitidas desde unha visión persoal, pero honesta e reflexionada da realidade. A credibilidade persoal e a profesional non están disociadas, e unha depende da outra.

Todos compartimos -e cómpre non esquecelo nunca- que a función do xornalismo é proporcionar elementos de xuízo, contar os feitos e explicar o contexto no que se producen. Neste sentido, causa perplexidade, cando non desagrado manifesto, a proliferación de titulares e informacións alarmantes, tremendistas e propias de forofos; pezas ou conexións informativas que máis semellan ir destinadas a axitar a confrontación social ou a crear alarmismo que ao que é o noso labor: informar do que pasou e, en todo caso, proporcionar os distintos puntos de vistas contrastados para o debate, non actuar de pregoeiros desta ou aquela posición de parte, cando non de encirradores. Mesmo na historia moi recente de Europa hai desgraciados exemplos de que os medios poden ter un triste papel de claríns de combate.

Claro que non todos os profesionais teñen a responsabilidade editorial nun medio. A creación dos Consellos e dos Estatutos de Informativos é un medida necesaria que se revela máis urxente en situacións coma estas. Para que actúen como garantes da independencia dos profesionais, e para evitar que nos medios públicos, como a CRTVG, os profesionais estean no fogo cruzado da loita partidista. Os medios públicos teñen cada vez máis demandas dunha urxente desgobernamentalización por parte da cidadanía, pero non só a eles se lles require esa actitude neutral. Esa reclamación de pluralidade e de servicio público afecta xa tamén aos chamados medios privados, e ás empresas privadas que explotan unha concesión pública, como radios e televisións. Esas demandas recaen nas cabezas visibles dos medios, públicos ou privados, os xornalistas, que suman así á presión laboral e profesional, a presión social. Un cóctel que afecta moi negativamente ao entorno de traballo e de relación dos periodistas, e que conforma un contexto de conflitividade e negatividade que nunca axuda a desenvolver serenamente o noso labor profesional e o noso único compromiso co público que son os alicerces do xornalismo.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia