O Colexio de Xornalistas solidarízase cos traballadores do Grupo Correo Gallego e esixe o pagamento das nóminas

Sede do Grupo Correo Gallego (Foto: Elisardojm (CC BY-SA 4.0))

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solidarízase co persoal do Grupo Correo Gallego, que reclama o pagamento das case seis nóminas que se lles adebedan, e expresa a súa preocupación polas súas condicións laborais. O grupo de comunicación engloba o xornal El Correo Gallego, a canle de televisión Correo TV, a emisora Radio Obradoiro e a consultora de comunicación Anova Consulting, ademais dos sitios web elcorreogallego.es e galiciahoxe.com.

Os traballadores do Grupo Correo Gallego concentrábanse este mércores ás 18:00 horas diante da sede da empresa, na primeira acción pública para reclamaren o pagamento dos seus salarios. Con todo, non se trata dun problema novo, posto que o persoal leva sufrindo varios anos de atrasos nos cobros, e neste momento adebédanselles as nóminas desde o mes de outubro de 2016. A esta precaria situación económica súmanse xa tres Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, por causa dos cales os traballadores consumiron ao longo de seis anos boa parte das prestacións por desemprego ás que teñen dereito, ademais de varios recortes de persoal e rebaixas salariais.

Os medios de comunicación están postos en marcha polo traballo de persoas que precisan dunhas condicións laborais dignas. A falta de pagamentos, a perda de poder adquisitivo e, en xeral, a precarización do persoal dos medios atenta directamente contra o dereito á información que ten a cidadanía. Por todo iso, o Colexio de Xornalistas insta ao Grupo Correo Gallego a abonar as cantidades que se adebedan ao persoal, permitindo deste xeito que o traballo dos comunicadores se desenvolva nunhas condicións dignas que garantan o exercicio do xornalismo e a liberdade de expresión. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia