O CPXG considera inadmisible en democracia a vía penal como coerción a xornalistas e celebra a absolución de Cristina Huete

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia valora satisfactoriamente o fallo do Xulgado do Penal Nº 1 de Ourense, que absolve dos delitos de calumnias e inxurias graves con publicidade á xornalista ourensá de El País, Cristina Huete Álvarez. A denuncia fora formulada en 2014 por Francisco Cougil Hermida, a quen o artigo titulado “El tesoro del cacique” (referido a unha colección de coches do ex presidente da Deputación de Ourense, e do PP, José Luis Baltar Pumar), describía como tránsfuga. Cougil fora un destacado edil socialista ourensán que formou parte despois doutra candidatura, e que acabou contratado na Deputación ourensá.

A xuíza María Blanca Díez Mediavilla indica na sentenza que a xornalista recolle na información “un feito de carácter obxectivo” , polo que “non supón a atribución de ningún feito delitivo, nin ten un carácter ofensivo ou insultante”. A maxistrada rexeita tamén que un dato erróneo ou inexacto sexa, por si mesmo, susceptible de reproche penal. Engade ademais que “o Tribunal Constitucional ten declarado reiteradamente que o recoñecemento constitucional das liberdades de expresión e de información modificou profundamente o xeito de afrontar o axuizamiento dos delitos contra o honor naqueles supostos nos que a conduta a considerar teña sido realizada en exercicio de ditas liberdades”.

Malia o positivo da sentenza, debemos expresar a nosa fonda preocupación polo uso que se fai da vía penal desde o ámbito político para intimidar a xornalistas, limitar o exercicio da liberdade de expresión e, por tanto, poñer en risco o dereito á información. Consideramos alarmante que, a pesar da ampla xurisprudencia existente, haxa aínda xuíces que dean cobertura a iniciativas que perseguen fins claramente antidemocráticos. No caso de Cristina Huete, hai que lamentar que fora o xuíz decano de Ourense, Leonardo Álvarez, quen decidira a apertura de xuízo oral, a pesar da oposición da Fiscalía. A propia sentenza sinala que a xurisdición civil, se o denunciante o considera oportuno, é a máis axeitada para o caso. 

A alternativa penal, como instrumento coercitivo contra  xornalistas ten que ser inadmisible en democracia porque representa un perigo real para o desenvolvemento do dereito fundamental á información.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos segundo a lei 2/1999 de 24 de febreiro acordada polo Parlamento de Galicia, ten a obriga legal de velar pola independencia e a liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, e de defender, conforme ao artigo 20.1 de la Constitución Española, o dereito á libertad de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia