O CPXG denuncia o trato policial a un reporteiro gráfico

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia o trato que sufriu B.R., reporteiro gráfico da Fundación Moncho Reboiras da CIG, cando gravaba a actuación dun piquete en Vigo a primeira hora da mañá.
B.R. foi detido e conducido a dependencias policiais, e posteriormente posto en liberdade cos cargos de resistencia e desobediencia á autoridade, polos que será xulgado mañá pola mañá. Foi atendido nun centro médico no que lle apreciaron mazaduras e unha lesión no pulso, segundo a CIG.

O CPXG critica a detención e o modo no que se produciu, despois de que B.R. se identificase como reporteiro gráfico, e considera inadmisible que se lle requisase a cámara. O Colexio Profesional recorda o dereito de calquera cidadán a obter imaxes nun sitio público, e máis con fins informativos, e que unicamente se pode cuestionar, por motivos legais, a súa emisión pública.

O CPXG elevará a súa protesta á Delegación do Goberno, como fixo recentemente cando se produciron sucesos similares, recordándolle a esta institución a súa obriga de velar polos dereitos dos cidadáns en calquera circunstancia.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia