O CPXG insta ó Congreso dos Deputados a reconsiderar a súa negativa a acreditar a xornalistas de Ctxt.es para a sesión de investidura

Congreso dos Deputados

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) remitiu unha carta á Presidenta do Congreso dos Deputados solicitando que lle sexa concedida a acreditación solicitada por CTXT. Contexto y acción para o xornalista Guillem Martínez. Reproducimos a continuación o seu contido:

Excma. Ana Pastor Julián
Presidenta do Congreso dos Deputados


Colexiados que colaboran na publicación dixital Ctxt.es, e lectores galegos da mesma remitíronnos queixas porque os servizos de prensa da institución que preside denegaron a acreditación para a sesión de investidura deste martes día 30 ao redactor designado pola dirección do medio, Guillem Martínez.


Non cremos necesario mencionalo, pero quizais non estea de máis aclarar que un medio informativo non o é polo formato mediante o que chega á súa audiencia, senón por se achega contidos noticiosos de elaboración propia, e realizados por profesionais. Neste sentido, tanto o medio, Ctxt.es, como o xornalista, Guillem Martínez, cumpren dabondo tal condición. O medio tamén cumpre, con fartura, o sempre discutible criterio cuantitativo da audiencia, maior que a dalgún dos medios escritos si acreditados, de difusión practicamente local.


A negativa prodúcese, ademais, despois de que na anterior lexislatura Ctxt dispuxese de dúas acreditacións. Os motivos son, ao parecer, a decisión de restrinxilas. Non parece moi congruente aplicar a austeridade ao número de acreditacións, nin facelo despois de realizar custosas reformas nas dependencias do Congreso, nin moito menos facelo a quen xa dispuñan delas (salvo que responda a un inadmisible criterio de premio/castigo).


Se, por razóns que se nos escapan, tales restricións existen, deberían aplicarse mediante parámetros públicos, e tamén deberían ser coñecida a relación de medios aos que foi concedida a acreditación e a cales non.


En todo caso, atrevémonos a suxerir que a cota pode ampliarse retirando a acreditación aos dous representantes dos medios que, xunto con dous axentes de policía e un empregado da Cámara, mofáronse da deputada de En Marea por Pontevedra Ángela Rodríguez hai escasos días, cando esta tentou acceder ao edificio para recoller a súa credencial. Se os responsables da xestión do Congreso dos Deputados establecen uns estritos controis sobre quen poden exercer ou non o xornalismo no seu seo, con moita máis razón non debería consentir a exhibición de comportamentos machistas e xenófobos na propia institución contra unha representante da cidadanía.


O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos segundo a Lei 2/1999 de 24 de febreiro acordada por Parlamento de Galicia e ten a obrigación legal de garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega e de defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.

 

CPXG