O CPXG lamenta o falecemento de Marcelo Otero, 'a voz do Celta'

A Xunta de Goberno do CPXG, quere manifestar o seu pesar polo falecemento do xornalista Marcelo Otero, coñecido como 'a voz do Celta', o pasado 1 de novembro, no Hospital Meixoeiro de Vigo.
Otero era membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) desde os seus inicios, participando activamente na súa creación.

Marcelo Otero

Marcelo Fernández-Otero Troitiño, fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires, Arxentina, en 1943, e chegou a España a mediados dos 60. Puxo voz aos partidos do Celta de Vigo nas décadas dos 70 e 80, primeiro dese Radio Cadena Española, e posteriormente desde Radio Nacional de España. En RNE chegaría a ser director para Ourense e Pontevedra e xefe de informativos en Vigo.

Foi un mestre para varias xeracións de xornalistas. Aínda que o seu nome estaba asociado á radio, foi tamén redactor de Marca, correspondente en Vigo de La Voz de Galicia e da Axencia EFE e xefe de deportes de El Pueblo Gallego. Ademais, Otero foi un dos fundadores do rotativo vigués Atlántico Diario, en 1987.

A Xunta de Goberno do CPXG, en nome do conxunto de profesión, quere trasladar as súas condolencias a familiares, amigos e compañeiros dun xornalista que tamén era, como colexiado, membro desta institución.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia