O CPXG lamenta que a Deputación de Lugo impedira o acceso dos xornalistas á súa sede

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta que a Deputación de Lugo impedira esta mañá o acceso dos xornalistas á súa sede mentres se realizaba nalgunhas áreas da mesma un rexistro por orde da xuíza Pilar de Lara.
Numerosos comunicadores acudiron esta mañá á sede da Deputación de Lugo co obxectivo de recabar información sobre o rexistro que se estaba a producir en distintas dependencias da institución. Mais cando pretendían acceder ao seu interior, foilles impedida a entrada, a pesar de que se manifestou que non había ningunha orde xudicial ou policial para iso.

Se ben a Deputación de Lugo ten o dereito legal de restrinxir o acceso dos xornalistas á súa sede, a presenza dos informadores alí onde acontecen os feitos é un piar fundamental para a liberdade de información. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas insta á Deputación de Lugo a que, na medida do posíbel, facilite o acceso as informadoresás súas instalacións, máxime cando, como neste caso, non existe ningún tipo de restricción específica.

Esta Xunta de Goberno agarda que os xornalistas poidan acceder sen atrancos aos edificios de todas as administracións, independentemente dos acontecementos que se estean a producir neles.

Lugo, 21 de novembro de 2014

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)