O CPXG solidarízase cos traballadores da Editorial La Capital

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) solidarizase cos traballadores da Editorial La Capital que convocan unha folga e mobilizacións para mañá, 23 de xuño, en defensa dos seus postos de traballo logo de que a empresa anunciara a súa intención de despedir á metade do persoal cun expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo en xuño de 2015.
O persoal de La Capital sofre desde xullo de 2013 unha precariedade laboral constante, con dous expedientes de regulación de emprego temporais consecutivos ao que agora pretende sumar a empresa un ERE extintivo para o 50% dos traballadores. A esta situación sumáronse, nos últimos meses, os continuos atrasos nos pagamentos das nóminas, o que prexudica aínda máis a situación das e dos profesionais, segundo denuncian os empregados.

Foi esta situación de inestabilidade laboral a que levou aos empregados a concentrarse en varias ocasións diante das sedes dos xornais do grupo (Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e DxT Campeón). Para mañá, na que secundarán unha xornada de folga, están convocadas concentracións, que apoia o CPXG, no Cantón Grande da Coruña, ás 12.00 horas; na praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, ás 20.00 horas; e na praza de Armas de Ferrol, ás 11.00. Nesas concentracións, os traballadores esixir á empresa un compromiso de emprego, a regularización no abono das nóminas e o pagamento das débedas pendentes.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra, unha vez máis, que a precariedade no exercicio profesional do xornalismo só pode redundar nunha redución da calidade e a pluralidade da información que recibe a sociedade. A información non é algo que se poda producir mediante procesos industriais nos que se poden aforrar custes de man de obra, senón que precisa bos profesionais que traballen en situacións dignas.

Por todo isto, o CPXG solidarízase co cadro de persoal de Editorial La Capital nas súas mobilizacións que teñen convocadas para reclamaren a fin da súa situación de precariedade.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas