O decano do CPXG reúnese coa candidata de Cs, Beatriz Pino, para presentarlle as reclamacións do xornalismo galego

Francisco X. González Sarria e Beatriz Pino na xuntanza celebrada este martes

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, reuniuse este martes en Ourense coa candidata de Ciudadanos (Cs) á Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Pino. A xuntanza está encadrada nos contactos do Colexio coas principais forzas políticas para lles trasladar os problemas do xornalismo galego. 

Na reunión que mantiveron este martes con motivo das próximas eleccións galegas, Sarria insistiulle á candidata de Cs na necesidade de resolver politicamente os problemas que afectan á profesión da nosa comunidade, os máis importantes dos cales xa se lle comunicaran por carta a ela e ao resto de candidatos das principais forzas. Entre estes, cómpre salientar algúns como a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, o modelo de medios públicos, a xestión da información electoral, as axudas aos medios e a publicidade institucional, os dereitos das mulleres ou a creación do Consello da Comunicación de Galicia. O decano do CPXG asegurou na xuntanza que "é vital que os partidos políticos se comprometan cuns medios públicos plurais e independentes". 

Beatriz Pino asegurou que "resulta lóxico que desde as administracións públicas se trate de dotar do marco legal necesario para que poidan desenvolver a súa actividade en liberdade". Neste sentido, afirmou que entre as súas propostas se encontran "reducir o peso político que controla os nosos medios de comunicación públicos" e  "suprimir as campañas de propaganda institucional". A candidata comprometeuse tamén a potenciar o Portal de Transparencia da Xunta de Galicia e a propór ao Consello de Administración da CRTVG a retransmisión en directo de todos os plenos do Parlamento pola segunda canle. 

O Colexio de Xornalistas solicita de todas as forzas políticas un compromiso público con medidas que garantan o libre exercicio do direito de información en Galicia. Para isto, ponse a disposición dos distintos candidatos para presentarlles de maneira presencial as reclamacións máis importantes da nosa profesión. Xa están confirmados os encontros con representantes do PSdeG e de Marea Galeguista, que se realizarán nos próximos días. 

CPXG