O FOP rexeita os ataques á liberdade de expresión e creación

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) -do que forma parte o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia- rexeita con toda rotundidade os ataques á liberdade de información, de expresión e de creación artística que se veñen producindo.

Esta organización manifesta a súa preocupación por eses ataques, cada vez máis frecuentes, entre eles a querela interposta por Cristina Cifuentes, presidenta da Comunidade de Madrid, contra xornalistas de eldiario.es; a aplicación da Lei Mordaza ao xornalista José Manuel de la Linde, de Canal Sur Radio, por negarse a afastarse dun paso procesional cando cubría en directo e con autorización unha procesión da Semana Santa en Sevilla, e as acusacións do Partido Popular contra o actor Alberto San Juan e a súa obra de teatro Autorretrato de un joven capitalista, para a que pediron que se cancelen as representacións.

O FOP tamén se solidariza co xornalista Jorge Correa, coñecido profesionalmente como Boro L. H., que o 29 de marzo de 2014 foi agredido e detido por axentes policiais cando cubría a manifestación que pechaba unha semana de protestas cidadás coñecidas como Marchas pola dignidade. O 16 de abril vai ser xulgado, acusado de atentado á autoridade e lesións a dous policías, cunha petición de seis anos de prisión e 6.200 euros de indemnización.

Estes feitos corroboran, unha vez máis, a constante presión contra dereitos básicos protexidos na nosa Constitución, como son a liberdade de información, de expresión e de creación artística, que o FOP sempre defendeu.

O FOP está integrado pola Agrupación de Xornalistas de CCOO, Agrupación de Xornalistas de UGT, Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Col·legi de Periodistes de Catalunya, Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV) e Sindicat de la Imatge UPIFC.

FOP