O OCTA critica a "moda" das televisións de difundir imaxes violentas gravadas con teléfonos móbiles

O Observatorio de Contidos Televisivos e Audiovisuais (OCTA) fíxose eco dun número crecente de queixas dos espectadores pola difusión, en programas informativos de diferentes cadeas, de imaxes que mostran actos violentos ou abusos entre mozos que son gravados coas cámaras dos teléfonos móbiles.
O OCTA sinala que nos últimos días puideron verse nas pantallas escenas como a agresión colectiva a unha menor de catorce anos por parte das súas compañeiras ou a humillación pública dun mozo en estado de ebridade.

Para o OCTA, se esta práctica de gravar agresións co móbil é xa preocupante en si, a atención prestada polas cadeas e o seu interese por emitir as imaxes pode xerar mesmo un "efecto chamada", dado o incentivo que supón velas reproducidas en televisión.

O OCTA sinala que mostrar as agresións gravadas non ten en realidade ningún valor informativo nin achega datos ó feito; incrementan o morbo dos participantes e espectadores, e menoscaba ademais a dignidade das persoas agredidas, en moitos casos perfectamente recoñecibles a pesar de que se esvaan os seus trazos.

Por iso, solicitan ás cadeas de televisión que deixen de difundir estas imaxes, e, por suposto, que non paguen ningunha cantidade económica por as conseguir.

PERIODISTAS-ES
MADRID